O Celta non puido sumar na súa visita ao estadio Manuel Martínez Valero, onde caeu por 2-1 ante un Elche CF que soubo impoñer a súa lei nunha segunda parte na que os celestes non lograron manter o nivel mostrado nos primeiros 45 minutos.
O conxunto dirixido por Claudio Giráldez saltou ao terreo de xogo con valentía, introducindo varios cambios tácticos cos que pretendían sorprender ao equipo rival. O resultado foi un inicio frenético no que os celestes protagonizaron varias chegadas de perigo, presionando alto e saíndo con rapidez no contragolpe. Neste sentido, a ocasión máis clara pasou polas botas de Miguel Román tras unha excelente asistencia de Óscar Mingueza, pero o seu disparo non atopou portería.
Con todo, foi o Elche quen logrou abrir primeiro o marcador no minuto 17, cun tanto de Andre da Silva. Lonxe de virse abaixo, o Celta respondeu rapidamente grazas a unha xogada na que Carlos Domínguez recuperaba o balón nunha zona perigosa e cedíallo a Ilaix Moriba, quen asistiu a Borja Iglesias para o empate. O dianteiro celeste continúa co seu idilio co gol e xa suma cinco partidos consecutivos marcando.
O choque chegou ao descanso con máxima intensidade e equilibrio pero, tras o paso por vestiarios, o equipo celeste non mostrou a mesma cara. O Celta perdeu presenza ofensiva e viuse obrigado a replegarse, aguantando o empuxe dun Elche cada vez máis dominador. Uns instantes complicados nos que Andrei Radu erixiuse en protagonista con varias intervencións de mérito, incluída unha parada desde o punto de penalti que mantiña viva a esperanza.
Esa resistencia, con todo, crebouse no minuto 68, cando John cazou un balón solto na área para asinar o 2-1 definitivo. A pesar dos esforzos por volver nivelar o marcador, os de Giráldez non conseguiron xerar ocasións claras no tramo final do partido.
FICHA TÉCNICA:
2 – Elche CF: Dituro; Álvaro Núñez, Áffengruber, Bigas (Chust, min. 73), Pedrosa (Pétrot, min. 72); Josan (Marc Aguado, min. 81), John Chetauya, Febas, Germán Valera; Rafa Mir (Diangana, min. 81) e André da Silva (Álvaro Rodríguez, min. 64).
1 – Celta: Radu, Yoel Lago (Iago Aspas, min. 73), Carlos Domínguez, Marcos Alonso (Manu Fernández, min. 83); Óscar Mingueza (Javi Rueda, min. 46), Miguel Román, Ilaix Moriba (Javi Rodríguez, min. 46), Hugo Álvarez; Bryan Zaragoza (Williot, min. 67), Hugo Sotelo e Borja Iglesias.
Goles: 1-0, min. 17: André da Silva. 1-1, min. 22: Borja Iglesias. 2-1, min. 68: John Chetauya.
Árbitro: Guillermo Cadra (Comité balear). Por parte do Celta, viron cartón amarelo Óscar Mingueza, Yoel Lago e Miguel Román. Mentres que do Elche foron amoestados Josan, Affengruber e Pedrosa.
Incidencias: Partido correspondente á xornada 7 de LaLiga EA Sports disputado no estadio Manuel Martínez Valero ante de 26.708 espectadores. Nos prolegómenos do partido gardouse un minuto de silencio polo falecemento de Manuel Abellot, ex utilero do club ilicitano.