A vitoria do pasado domingo ante o Villarreal puxo fin a case doce meses sen triunfos como visitante. O RC Celta mostrou unha notable melloría en competitividade, xogo e determinación para acabar con ese longo refacho de encontros sen vitorias fóra de casa. Este venres ante o Valladolid afronta un novo reto, tamén de máxima dificultade: encadear dous triunfos consecutivos tras case un ano sen logralo.
Gañar o venres impulsaría ao equipo celeste na táboa e apontoaría o crecemento do conxunto de Óscar García. Un triunfo suporía un cambio de dinámica, de aí a importancia deste encontro ante o Valladolid, visitante temible.
Para que o equipo celeste estea o máis arroupado posible e reciba o necesario apoio da afección, o RC Celta lanza unha importante iniciativa: os afeccionados poderán adquirir entradas a prezos moi reducidos para tres bancadas do estadio. As entradas xa están dispoñibles na ligazón tickets.rccelta.es ao prezo de 10 euros en categoría adulto e 5 en Sub-25 en Gol e Marcador e de 20 e 10 euros en Río Baixo.
Aos afeccionados que xa adquirisen entradas para as mencionadas bancadas se lles reembolsará a diferenza a diferenza directamente na conta desde a que realizaron a operación de compra na billeteira online.
Trátase dunha partido clave ante un complicado rival que permitiría ao RC Celta dar un salto na táboa e empaparse de sensacións positivas no inicio dun tramo de competición determinante.