O Celta será o rival do cadro portista este domingo, nun partido que contará cun gran show previo
O FC Porto da tempada 2013/2014, a do seu 120 aniversario, preséntase oficialmente este domingo ante a súa afección no Estadio do Dragão. O evento contará cunha hora e media de espectáculo, tras o cal se desputará un atractivo partido amigable entre o conxunto luso e o Real Club Celta.
Os actos previos ao encontro arrincarán ás 20:00 (hora española), mentres que o envite entre galegos e portugueses está previsto que comece ás 21:30 horas. As entradas, á venda nos despachos de billetes do Estadio do Dragão e en www.fcporto.pt, inclúen o acceso tanto ao partido como ao show de presentación do FC Porto. Os afeccionados célticos poderán adquirir billetes para a zona visitante a un prezo de dez euros, dispoñibles nas dependencias do estadio portista o mesmo día do choque.
Este domingo os seguidores celtistas terán unha gran oportunidade para gozar do seu equipo nun escenario incomparable e ante un gran rival. A diversión e o espectáculo están asegurados.