A eficacia do Atlético nos momentos oportunos, o desacerto celeste en ataque e os erros do árbitro decantaron o partido no Wanda Metropolitano, onde o Celta recibiu un castigo excesivo. Foi un encontro igualado, cuxo resultado atópase moi lonxe do ofrecido por ambos conxuntos no terreo de xogo.
A primeira metade foi igualada, con bo ritmo e varias ocasións para os celestes que non acertaron a aproveitar. Sergi Gómez, Tucu Hernández e Iago Aspas tiveron boas opcións para marcar ante un rival que baseaba o seu xogo no contragolpe e o balón parado.
No último minuto, un córner desde a dereita foi aproveitado por Griezmann para marcar tras recoller un rexeite no área. Os célticos pediron falta previa sobre Tucu nesta xogada. Existiu.
A segunda parte comezou cun penalti sobre Tucu non sinalado. Pouco despois, remate á madeira de Radoja, e na xogada seguinte, gol de Vitolo para o cadro local. Foi un durísimo golpe para os celestes, que estaban realizando un bo partido e dispuxeran de varias ocasións claras para marcar.
No minuto 63, cinco despois, Correa, de novo tras un rexeite, anotou o terceiro e pechou o partido. Excesivo castigo para o Celta no seu debú no Wanda Metropolitano.
3-Atlético de Madrid: Oblak, Vrsaljko, Giménez, Godín, Lucas, Gabi, Saúl, Koke, Vitolo, Griezmann (Gameiro, min.69) e Diego Costa (Torres, min.79).
0-RC Celta: Rubén Blanco, Hugo Mallo, Roncaglia, Sergi Gómez (Cabral, min.75), Jonny, Lobotka, Radoja (Brais, min.66), ‘Tucu’ Hernández, Iago Aspas (Boyé, min.72), Emre Mor e Maxi Gómez.
Goles: 1-0, min.45: Griezmann; 2-0, min.58: Vitolo; 3-0, min.63: Correa.
Árbitro: Arbeloa Rojas, do comité de Castela A Mancha. Amonestou a Saúl e Iago Aspas.
Campo: Wanda Metropolitano.