
O Celta asinou unha noite memorable no estadio Maksimir de Zagreb tras superar con autoridade o Dinamo por 0 a 3. O equipo de Claudio Giráldez amosou unha versión europea convincente: sólido atrás, valente co balón e tremendamente eficaz nos metros finais. Un dobrete de Pablo Durán e un gol de Bryan Zaragoza, coa axuda de Sergi Domínguez en propia meta, selaron unha vitoria de prestixio que consolida o conxunto vigués no máis alto do grupo.
Desde o asubío inicial, o Celta impuxo o seu ritmo e o seu carácter. Apenas transcorreran tres minutos cando Iago Aspas filtrou un pase preciso ao espazo para que Pablo Durán definise con calidade ante o gardameta croata, abrindo o marcador e o camiño cara a un encontro dominado de principio a fin. O gol temperán deu confianza aos celestes, que seguiron buscando as costas da defensa local. O empuxe celeste atopou recompensa pasada a media hora, tras unha internada pola esquerda de Bryan Zaragoza cuxo centro foi desviado por un defensa do Dinamo ao fondo da rede, establecendo o 0-2. E cando a primeira metade agonizaba, unha nova contra letal conducida por Aspas e finalizada por Durán puxo o 0-3 antes do descanso.
Na segunda parte, o Celta xestionou a súa renda con madurez. Soubo ler o encontro, baixou o ritmo cando foi necesario e pechou espazos ante un Dinamo que apenas inquietou a Iván Villar, debutante esta tempada na competición. O conxunto vigués mantivo a orde, presionou con intelixencia e rozou mesmo o cuarto gol en varias transicións rápidas que levaron perigo. Pero non houbo tempo para máis.
Con este triunfo, o Celta reafirma a súa ambición europea e a solidez dun proxecto que segue medrando partido a partido. No horizonte continental agroma o Ludogorets, mais antes de volver pensar en Europa, o equipo centra toda a súa atención na Liga. Este domingo, Abanca Balaídos vivirá unha cita de máxima esixencia ante o FC Barcelona, un encontro que servirá para medir o gran momento de forma e confianza que atravesa o conxunto celeste.
FICHA TÉCNICA:
0 – Dinamo de Zagreb: Nevistic; Théophile (Bakrar, min 46), Sergi Domínguez, Scott McKenna, Goda (Vinlof, min 46); Misic, Zajc (Gonzalo Villar, min 78); Lisica, Dejan Ljubicic (Stojkovic, min 59); Hoxha; Kulenovic (Beljo, min 59).
3 – Celta: Iván Villar; Javi Rodríguez, Carl Starfelt (Yoel Lago, min 76), Carlos Domínguez; Jones, Fran Beltrán (Damián, min 76), Miguel Román (Sotelo, min 85), Mihailo Ristic; Iago Aspas, Durán (Borja Iglesias, min 63) e Bryan Zaragoza (Jutglà, min 63).
Goles: 0-1, min 3: Pablo Durán; 0-2, min 28: Bryan Zaragoza coa axuda de Sergi Domínguez en propia meta; 0-3, min 44: Pablo Durán.
Árbitro: Anastasios Papapetrou (griego).
Incidencias: Encontro da cuarta xornada da UEL disputado no Estadio Maksimir de Zagreb ante 19.431 espectadores.