O RC Celta e o Wolverhampton Wanderers FC pecharon o traspaso do dianteiro, Fer López. O mozo canteirán incorpórase ao conxunto inglés para emprender unha nova etapa deportiva na Premier League.
Fer chegou á Madroa sendo apenas un neno, con tan só nove anos, e desde entón percorreu todas as categorías do club grazas ao seu esforzo, talento e compromiso cos valores do RC Celta. Unha progresión constante que lle permitiu consolidarse como unha das grandes promesas da canteira celeste e destacar como unha peza clave no Celta Fortuna durante a pasada tempada. Precisamente o seu rendemento no filial levouno a debutar co primeiro equipo en Copa do Rey ante o UD San Pedro e, pouco despois, a estrearse tamén en Laliga ante o Mallorca FC en Abanca Balaídos. Na máxima competición do fútbol español, Fer López disputou un total de 17 encontros, partindo como titular en 7 deles e anotando dous goles, ante o Mallorca FC (na segunda volta) e o Villarreal CF.
Máis aló do plano deportivo, Fer López sempre foi un referente tanto dentro como fora do campo pola súa dedicación, a súa amabilidade e a súa entrega. É por iso que o RC Celta quere desexarlle a maior das sortes nesta nova etapa que comeza en Inglaterra e destacar que esta sempre será a súa casa.
Grazas, Fer!