O Celta alcanzou un acordo con Carlos Domínguez para a súa continuidade no club celeste ata 2028. Esta ampliación reflicte a firme aposta do club polo talento Feito na Madroa e polo crecemento dos mozos canteiráns.
Nacido en Vigo, Carlos chegou á canteira celeste en categoría alevín coa ilusión dun neno que soñaba con vestir algún día a camiseta do primeiro equipo. Doce anos despois, ese soño converteuse en realidade e é un dos xogadores asentados na elite do fútbol español. Esforzo, traballo e moito sacrificio levaron a Carlos a gañarse un sitio na zaga celeste onde cada xornada mostra un rendemento constante e a súa fiabilidade defensiva.
Actualmente, o mozo central suma máis de medio centenar de partidos oficiais co Celta sendo o seu perfil zurdo, a súa polivalencia para adaptarse a diferentes sistemas tácticos e a súa fortaleza no xogo aéreo claves na súa consolidación.
O Celta quere agradecer a Carlos o seu compromiso e dedicación, e expresar o seu enorme orgullo por seguir camiñando xunto a un futbolista que encarna como poucos o espírito celeste.
Parabéns, Charlie!