
Fran Beltrán inicia unha nova etapa na súa carreira deportiva tras pecharse o seu traspaso ao Girona FC, poñendo así fin a unha traxectoria como celeste que comezou en 2018.
O xogador chegou a Vigo hai 8 tempadas, procedente do Rayo Vallecano e, aos poucos, foise gañando un lugar indiscutible no plantel, ata o punto de converterse nun dos capitáns do equipo. O seu rendemento e fiabilidade no centro do campo situárono como o terceiro xogador celeste con máis partidos en Primeira División, sumando 263 encontros e máis de 17.000 minutos, nos que sempre defendeu o escudo do Celta con orgullo e compromiso. Uns valores cos que se gañou o respecto e o agarimo de toda a afección.
Natural de Seseña, desde a súa chegada Fran mostrou unha gran implicación tanto co proxecto deportivo do club como coa súa historia, raíces e identidade. Precisamente, ese respecto pola cultura galega e a súa naturalidade terminaron de construír un vínculo polo que Vigo deixou de ser só un destino profesional para converterse na súa casa.
Hoxe os camiños sepáranse. Fran Beltrán inicia unha nova etapa deportiva no conxunto catalán, pero o Celta quere agradecerlle a súa profesionalidade e a dedicación coa que defendeu este escudo ao longo destes anos, desexándolle o mellor nesta nova traxectoria profesional que agora comeza.
Fran Beltrán sempre será un dos nosos e o Celta sempre será a súa casa.
Moita sorte!