valencia
Primeiro Equipo

Goleada celeste para arrincar o 2026 | Celta 4-1 Valencia CF

RC Celta

O Celta comezou o 2026 da mellor maneira posible, cunha convincente goleada ao Valencia CF e encadeando a súa segunda vitoria en Abanca Balaídos. Tras un arranque algo espeso, o encontro decidiuse tras o descanso cunha gran posta en escena ao contragolpe.

Durante os primeiros minutos, o partido moveuse nun terreo incómodo, con ritmo baixo e escasas ocasións para ambos os conxuntos. O máis destacado foi unha acción sobre Almeida dentro da área que o colexiado sinalou como penalti, unha oportunidade para adiantarse que o conxunto che estampou contra o pau tras o desvío de Radu. Máis fortuna tivo o Celta desde os once metros cando, ao fío do descanso, esta vez era Borja Iglesias o que era derrubado na área. O dianteiro non fallou e adiantou aos seus antes de pasar por vestiarios.

Na segunda metade, o Valencia asumiu máis riscos nos que o Celta atopou espazos para correr. Nunha acción ben elaborada, Pablo Durán asistiu a Borja Iglesias que, desta maneira, anotaba o seu segundo gol da tarde e encarrilaba o encontro.

A vinte minutos para o final, o Valencia conseguía reducir distancias cun tanto de Pepelu desde a frontal, pero a resposta celeste foi inmediata. Jones El-Abdellaoui aproveitou un balón longo e nun velocísimo contragolpe lograba subir o 3-1 ao marcador. Uns últimos minutos, nos que os celestes manexaban os tempos con calma e seguían castigando aos de Carlos Corberán á contra. Xa no tempo de desconto, Hugo Álvarez pechou a goleada tras unha boa acción colectiva, poñendo o broche a unha tarde na que A Rianxeira volveu soar en Abanca Balaídos.

Con este triunfo, o Celta alcanza os 26 puntos a falta dunha xornada para pechar a primeira volta que será o vindeiro luns, 12 de xaneiro ás 21:00 horas, no Estadio Ramón Sánchez Pizjuán ante o Sevilla FC.

Pero antes, os pupilos de Claudio Giráldez teñen unha cita moi especial con toda a afección celeste, este luns ás 11:00 horas, no tradicional adestramento a portas abertas que se celebrará en Abanca Balaídos na véspera dun dos días máis máxicos do ano.

FICHA TÉCNICA:

4 – Celta: Andrei Radu; Javi Rodríguez (Manu Fernández, min. 81), Joseph Aidoo, Marcos Alonso; Óscar Mingueza, Ilaix Moriba, Miguel Román, Sergio Carreira; Williot Swedberg (Pablo Durán, min. 27) (Iago Aspas, min. 81), Bryan Zaragoza (Jones El-Abdellaoui, min. 66) e Borja Iglesias (Hugo Álvarez, min. 66).

1 – Valencia: Agirrezabala; Thierry (Ramazani, min. 57), Foulquier (Tárrega, min. 66), Diakhaby, Copete (Diego López, min. 81), Vázquez; Pepelu, Javi Guerra (Danjuma, min. 66), Almeida; Lucas Beltrán (Rioja, min. 57) e Hugo Duro.

Goles: 1-0, min. 33: Borja Iglesias, de penalti. 2-0, min. 59: Borja Iglesias. 2-1, min. 70: Pepelu. 3-1, min. 83: Jones. 4-1, min. 94: Hugo Álvarez.

Árbitro: De Burgos Bengoetxea (Comité Vasco). Por parte do Celta, amoestou a Javi Rodríguez. Mentres que do Valencia CF, foron sancionados con tarxeta amarela Hugo Duro, Ramazani e Copete.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 18 de Laliga EA Sports disputado en Abanca Balaídos ante 20.475 espectadores. Antes do inicio do encontro, gardouse un respectuoso minuto de silencio en memoria de todos os celtistas falecidos ao longo do 2025.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas