O centrocampista foi presentado esta mañá en Balaídos ante centenares de celtistas
Pablo Hernández xa é xogador do Real Club Celta. O arxentino, internacional con Chile, foi presentado esta mañá no estadio de Balaídos ante centenares de afeccionados celtistas. O centrocampista estivo acompañado na súa presentación polo vicepresidente do club Ricardo Barros e o director deportivo Miguel Torrecilla.
“Benvido a Vigo e ao noso club. Desexámosche toda a sorte do mundo, que tamén será a nosa”. Tras as palabras de benvida do vicepresidente, o director deportivo explicou as razóns da contratación de Pablo Hernández: “atopámonos cun xogador moi completo. Trátase dun futbolista eminentemente técnico, zurdo, cun xogo asociativo moi alto, capacidade para chegar á área e cunha presenza física que lle fai importante no xogo aéreo”. Torrecilla desvelou que o RC Celta levaba “case tres tempadas seguindo e analizando a Pablo” e resaltou o salto a nivel defensivo que experimentou o xogador na última campaña.
Pablo Hernández mostrouse “moi contento e agradecido” e asegurou estar “mental e fisicamente preparado para este campionato”. O internacional chileno asina polo catro próximas tempadas: “cando me dixeron o do Celta non o pensei”.
O seu compañeiro de selección e tamén xogador celeste, Fabián Orellana, exerceu de embaixador de Vigo e do Celta durante o proceso de contratación de Hernández: “falei con Fabián e díxome que a cidade era tranquila e que me ía a gustar moito, e que o club estaba moi ben ordenado. Polo que puiden ver é certo. Estou moi contento e a miña familia tamén o estará aquí”.
Tras a rolda de prensa, Pablo Hernández enfundouse a nova equipación do RC Celta e pousou ante centenares de celtistas que lle deron a benvida. “O Celta é un gran salto para min. O soño de todo xogador latinoamericano é estar na liga española. Tratarei de estar á altura e ofrecer a miña mellor versión”.