A Cidade Deportiva Afouteza acolleu este mércores unha rolda de prensa de Hugo González como xogador con ficha do primeiro equipo.
Ás portas de comezar LaLiga, Hugo mostrouse ilusionado ante esta nova etapa. «Intento dar o mellor de min sempre, estou expectante ante todo. Cólloo con moitas ganas e ilusión», explicou o dianteiro, que tamén valorou o que lle pide o corpo técnico de cara ao inicio do campionato. «Confianza, concentración e poñer esa virtude ao servizo do equipo para marcar eses goles que nos fagan estar aí arriba», sinalou.
O debut ligueiro chegará o vindeiro sábado en Mestalla, un escenario especial para un futbolista formado no Valencia. «Gústame que sexa en Valencia, é bonito. E que mellor que facelo con esta camiseta e con este grupo que somos, e coa miña familia e amigos apoiando», apuntou.
Sobre a marxe de crecemento que aínda ten por diante, o atacante foi claro: «Fáltame un pouco de continuidade e ritmo, pero penso que iso conséguese adestrando e, sobre todo, atendendo moito ao que require cada acción en cada situación».
Hugo tamén tivo palabras para a mensaxe que lle traslada Claudio Giráldez. «Que estea feliz, que sexa alegre, que non perda esa confianza», desvelou o xogador, que puxo en valor o momento que está a vivir. «Teño a sorte de vivir facendo o que me gusta, o deporte máis bonito que hai e que me fai feliz».
Ademais, confesou que «o fútbol recompensa a quen segue traballando e non se rende, e hoxe estou aquí aproveitando esa oportunidade que teño». Unha mensaxe que pechou entre sorrisos, confesando que está «moi contento e con moitas ganas de aprender, de gozar e de ser feliz xogando ao fútbol no Celta».
Dálle ao play e non te perdas as súas primeiras declaracións como novo xogador do primeiro equipo celeste.