Hugo Sotelo dá o paso definitivo dunha progresión constante que iniciou cando chegou á canteira do RC Celta sendo tan só un neno. O mediocentro de 21 anos dispón xa de ficha co primeiro equipo e lucirá o dorsal 4 no que resta de tempada.
O club mostra desta maneira a súa confianza e respaldo ao xoven que debutou co primeiro equipo na campaña 20/21. Esta tempada xa acumula 823 minutos, repartidos en 16 encontros, nos que se estreou como goleador co primeiro equipo na Copa. Este magnífico rendemento levouno tamén a debutar recentemente coa Selección Española sub-21.
Este paso definitivo de Hugo Sotelo, quen fai tan só uns meses renovaba ata 2028, referenda a firme aposta do RC Celta pola súa canteira, cuxo desenvolvemento, potenciación e mellora é un dos obxectivos prioritarios do club que preside Marián Mouriño.
Parabéns, Sotelo!