
Iago Aspas alcanzou en Razgrad, no duelo do Celta fronte ao Ludogorets, os 600 partidos como profesional. Unha cifra enorme, construída entre Celta, Sevilla, Liverpool, a Selección e tamén o filial, pero sobre todo vestida de celeste, como sempre quixo.
Desde aquel debut en Salamanca na tempada 07/08, Aspas percorreu un camiño único. Daquel mozo que asinou un dobrete inesquecible ante o Alavés ao xogador con máis partidos da historia do club pasaron moitas cousas. Moitos momentos, moitas bágoas e celebracións bicando o escudo que xa forman parte da memoria do celtismo.
En todos estes anos, Aspas deixou pegada en cada estadio, en cada compañeiro e en todos os adestradores que confiaron nel. Competiu en Liga, en Europa, en Copa, na Premier League e coa Absoluta, acumulando experiencias que o converteron nun dos grandes nomes do fútbol español.
Pero máis alá dos números, o que define a Iago é a súa forma de entender o xogo, porque non hai cifras que poidan explicar ese liderado, emoción e xeito único que ten de vivir este deporte.
600 partidos. 600 veces de puro fútbol. 600 veces, simplemente, Iago.
Parabéns, capitán!