A soberbia actuación de Iago Aspas ante o FC Barcelona (2-2) veu acompañada dun novo fito do galego na historia do RC Celta. Ante o conxunto blaugrana, o canteirán celeste anotou o seu vixésimo gol en LaLiga 2017/18, converténdose no primeiro futbolista do club vigués en alcanzar esta cifra desde a campaña 1956/57. Naquela tempada, Mauro rexistrou un total de 24 dianas en Primeira División, a día de hoxe a marca histórica dun xogador do RC Celta na máxima categoría do fútbol español.
Aspas xa superou o seu mellor rexistro goleador nunha tempada (19 na 2016/17) e suma 118 tantos coa celeste en partidos oficiais, a só un gol de igualar a dous históricos do club: Tapia e Hermidita.