O celtismo viviu no inicio desta ilusionante tempada un novo fito que quedará gravado para sempre. Iago Aspas converteuse no xogador con máis partidos oficiais na historia do Celta. No encontro ante o Atlético de Madrid, disputado en Abanca Balaídos, o capitán alcanzaba os 533 partidos e igualaba así o récord que durante máis de catro décadas mantivera “o Gran Capitán” Manolo.
Desde que debutou en 2008 co equipo da súa vida, Aspas percorreu un camiño único. Liderou remontadas, salvacións e momentos memorables, forxando un vínculo irrompible coa afección. A súa historia fala de talento, pero tamén de compromiso e dun amor que non entende de estatísticas. Porque a súa lenda non se mide en números, aínda que os teña todos, senón en sentimentos.
Iago non viste este escudo, encárnao. Representa a maneira máis pura de sentir estas cores. É o rostro dunha afección que o viu crecer, a alma dun vestiario que o seguiu e o latexo dun club que o levará sempre na súa historia. Cada partido, cada celebración e cada bágoa foron construíndo unha lenda que hoxe alcanza un capítulo inesquecible.
A expensas dun único encontro que lle faga converterse no xogador con máis partidos da historia e en busca de renderlle a homenaxe que merece, o Celta celebrará un acto especial o vindeiro xoves 23 de outubro ao finalizar a partida fronte ao OGC Nice. Ás 23:00h, Abanca Balaídos vestirase de gala e iluminará o ceo cun espectáculo aéreo de drons que servirá como tributo a toda unha vida dedicada a este club.
O Celta convida a todos os asistentes ao partido deste xoves para ser parte desta homenaxe que se estenderá aproximadamente ata as 23.20h. Será unha noite para aplaudir, emocionarse e dar as grazas. Porque non hai maior orgullo que poder dicir “eu vin xogar a Iago Aspas”.