iagotop
Novas primeiro equipo

Iago Aspas, lenda viva do Celta con 534 partidos

RC Celta

O 23 de outubro de 2025 quedará gravado para sempre na historia do Celta. Nunha máxica noite europea ante o OGC Nice, Iago Aspas converteuse no xogador con máis partidos oficiais disputados co club da súa vida. Con este encontro, o capitán celeste alcanza os 534 partidos, superando o récord que durante máis de catro décadas ostentou Manolo, “O Gran Capitán”.

E fíxoo como só el sabe facelo: marcando no primeiro minuto do partido, abrindo o camiño dunha vitoria inesquecible en Abanca Balaídos. Unha noite redonda, co estadio rendido aos seus pés, a afección coreando o seu nome e o ceo da cidade olívica brillando coa súa traxectoria.

Desde o seu debut en 2008, Iago Aspas foi moito máis que un futbolista. Liderou ao Celta en remontadas imposibles, en salvacións agónicas e en noites europeas que aínda resoan na nosa memoria. A súa historia é a historia daquel neno que soñaba con xogar no Celta dos maiores, o seu amor e lealdade cara a este escudo terminárono convertendo en lenda viva deste mesmo club.

Iago Aspas representa á perfección o que é o Celta e segue demostrando que é e sempre será o mellor xogador da nosa historia.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas