20241114_OCTUBRE_MVP_EG_IAGOASPAS-7
Primeiro Equipo

Iago Aspas, premio Estrella Galicia de outubro

RC Celta

Iago Aspas gaña o seu segundo Premio Estrella Galicia consecutivo da tempada. O canteirán foi elixido polos afeccionados celestes como o mellor futbolista do conxunto vigués do mes de outubro tras impoñerse na fase final da votación a Hugo Sotelo e Óscar Mingueza.

“Primeiro dar as grazas á afección por votarme e tamén aos meus compañeiros, danme enerxía cada día para seguir dando o mellor de min”, agradeceu Iago ao recibir este recoñecemento.

Tras isto, analizou os últimos partidos do Celta e definiu outubro como un mes de “sufrimento, por dicilo dalgunha maneira, porque foi unha montaña rusa de emocións coas Palmas, Leganés, Real Madrid… sobre todo por como foron os partidos e como nos atopamos no terreo de xogo”. O capitán celeste comentou que, a pesar dos resultados, “creo que estamos a facer as cousas moi ben. Escapáronsenos puntos en minutos finais, acórdome moito deses puntos, pero o equipo fixo un bo traballo. Estamos décimos na clasificación, mirando cara arriba e iso creo que nos ten que dar impulso para próximos partidos”.

Outubro tamén deu o pistoletazo de saída á Copa do Rey, cunha primeira rolda entre Celta e UD San Pedro sobre a que Iago non quixo perder a oportunidade de comentar. “Eu vivino desde casa. Tiña unhas pequenas molestias e non puiden acompañar aos meus compañeiros, pero é un torneo que nos dá especial motivación e gustaríanos seguir adiante moitísimas roldas. Gustaríanos volver vivir o que vivimos a tempada pasada, volver xogar en casa un partido de Copa coa xente e que sexa unha festa”.

A entrega deste galardón coincidiu cun novo parón de seleccións sobre o que Aspas sinalou que os que quedan “seguimos traballando, seguimos adestrando moi duro, tentando dar o mellor de cada un” e os que se van “están a pasar por un bo momento de forma, en xeral, tanto o club como a canteira. Entre eles Sotelo, que nesta convocatoria recibiu o agasallo da Selección, e tamén está nun gran estado de forma. Alégrome moito por el”.

Con outubro finalizado, o 10 celeste céntrase agora no próximo encontro do equipo, sobre o que comentou que “cada partido é un mundo diferente. Agora xogamos contra o Barcelona, que vai líder, pero xogamos en casa, diante da nosa xente, polo que creo que poñeremos as cousas difíciles. Perdimos só dous partidos en Balaídos no que vai de tempada e ambos moi axustados, polo que temos moita ilusión posta neste partido”.

Para finalizar, o canteirán comentou que espera “que cheguen máis bos partidos, tanto a nivel colectivo como individual; iso será un bo sinal”, e volveu agradecer á afección, piar fundamental do RC Celta, por este premio.

Parabéns, Iago!

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo

Noticias recomendadas