Este venres, o Salón Regio da Sede acolleu a rolda de prensa do novo xogador do RC Celta: Iker Losada. O canteirán celeste reencontrouse cos medios de comunicación e atendeu as preguntas dos xornalistas locais, tras as declaracións de Sergio Álvarez e Marco Garcés.
“Grazas, Iker por querer volver á túa casa. Todos sabiamos as ganas que tiñas”, asegurou o conselleiro do Celta. Pola súa banda, Marco Garcés afirmou que a volta de Losada é como o “regreso anticipado dun fillo pródigo”.
Palabras de agradecemento e agarimo que foron recíprocas por parte do propio xogador, quen subliñou que “é moi bonito que pensen en min para seguir crecendo xuntos. Creo que é un paso importante para a miña carreira e estou moi agradecido. Estou centrado nesta volta tan ansiada e espero facelo ben para que todo saía o mellor posible”.