
O Celta atopou en Celtic Park a súa primeira vitoria nesta Europa League. Fíxoo nun dos escenarios históricos do fútbol europeo, cun dobrete de Javi Rodríguez, que estreou a súa conta goleadora na competición, e o alento de máis de 3.000 celtistas desprazados ata Glasgow. Unha noite para o recordo na que o talento Feito na Madroa volveu maravillar Europa.
O conxunto de Claudio Giráldez asumiu o protagonismo desde o inicio, dominando o balón e buscando espazos ante un Celtic ben organizado. A pesar de a súa superioridade, ao Celta custoulle atopar ocasións claras e o encontro complicouse tras o descanso, cando Baur adiantou ao conxunto escocés cun disparo desde a frontal.
Tocaba armarse de paciencia, remar a contracorrente e dar un paso adiante. Entón apareceu Javi Rodríguez. O canteirán celeste atopou o empate cun potente cabezazo tras un magnífico centro de Hugo Álvarez. Un tanto co que o xogador estreaba o seu casilleiro en Europa e devolvía ao Celta ao partido. Pero Javi aínda tiña algo máis que dicir. Bastáronlle tres minutos para darlle a volta ao marcador cun segundo gol que chegaba tras recoller o balón na frontal da área e conectar un disparo directo ao fondo da rede.
Seguía dominando o Celta que puido ampliar a súa vantaxe antes de afrontar os últimos minutos, nos que o Celtic buscou o empate a través de centros laterais que Radu atallou sen complicacións.
O asubío final desatou a alegría na esquina celeste de Celtic Park, onde máis de tres mil afeccionados celebraron o premio a un desprazamento multitudinario, o maior na historia do Celta rexistrado nunha fase de grupos. Uns afeccionados que puideron celebrar a primeira vitoria do equipo en Europa League esta tempada, unida ao grandísimo valor do talento Feito na Madroa da man dos goles de Javi Rodríguez e o debut de Andrés Antañón na competición.
Unha noite para o recordo na que, ante un dos nomes históricos do fútbol europeo, o Celta e o celtismo conquistaron Glasgow. Unha vitoria importante para a clasificación pero tamén para lembrar que esta Oliveira tamén cría raíces de prata en Europa.
FICHA TÉCNICA:
1 – Celtic FC: Johnstone; Donovan, Murray, Scales, Tierney; McGregor, Baur (Tounekti, min. 79); Haissem Hassan (Hogh, min. 73), Nygren, Osmand (Forrest, min. 58); e Camilo Durán (Sorensen, min. 79).
2 – Celta: Radu; Javi Rodríguez, Sebastián Cáceres, Marcos Alonso; Javi Rueda (Andrés Antañón, min. 85), Aleix Febas, Hugo Burcio (Ilaix Moriba, min. 63), Sergio Carreira; Iago Aspas (Williot Swedberg, min. 63), Hugo Álvarez (Javi Galán, min. 85) e Ferran Jutglá (Pablo Durán, min. 77).
Goles: 1-0, min. 47: Baur. 1-1, min. 68: Javi Rodríguez; 1-2, min. 71: Javi Rodríguez.
Árbitro: Georgi Kabakov (Bulgaria). Por parte do Celtic foron amoestados con tarxeta amarela: Camilo Durán (min. 23), o adestrador Martin Ou’Neill (min. 67), Scales (min. 85), Sorensen (min. 88) e Donovan (min. 91).
Incidencias: Partido correspondente á terceira xornada da fase de grupos da UEFA Europa League disputado en Celtic Park ante máis de 3.000 afeccionados celestes desprazados.