
Javi Rueda amplía a súa vinculación co Celta ata 2029. O lateral, que chegou á cidade olívica en xullo do 2023, seguirá defendendo o escudo celeste catro tempadas máis.
Formado nas canteiras do Málaga e do Real Madrid, Javi Rueda debutou na máxima categoría do fútbol español como celeste, na última xornada da tempada 23/24 ante o Valencia CF en Abanca Balaídos, despois de asinar unha tempada espectacular co Celta Fortuna.
O curso pasado, o defensa xogou cedido no Albacete Balompé, unha etapa que lle permitiu seguir crecendo antes de regresar para quedar no primeiro plantel. Esta campaña, no seu primeiro partido como titular, Javi estreouse como goleador na elite marcando ante o RCD Mallorca en Son Moix. Actualmente, acumula máis de 500 minutos entre LaLiga e a Europa League, nos que achegou tres asistencias e un gol, confirmando a súa evolución ascendente no conxunto celeste.
O seu despregamento físico, a súa velocidade e a súa capacidade para chegar á liña de fondo convérteno nun lateral plenamente adaptado ao fútbol moderno, calidades que Claudio Giráldez seguirá tendo á súa disposición con esta renovación que reforza a aposta do Celta nun xogador cunha gran proxección.
Parabéns, Javi!