
Jones El-Abdellaoui compareceu antes os medios de comunicación xusto o día que se cumpre un ano da súa chegada ao Celta. O atacante celeste fixo balance de cales son as súas sensacións esta tempada na que xa anotou o seu primeiro gol co Celta en Europa League ante o Ludogorets, mentres que en Laliga xa acumula dous tantos, “sinto que aquí crecín moito, espero seguir progresando e contar cada vez con máis minutos e oportunidades“.
Ademais, falou dunha das calidades polas que máis sorprende dentro do campo: a súa velocidade, sendo o terceiro xogador máis veloz da competición doméstica. Neste sentido, Jones recoñece que “en Noruega, xogando en artificial, era máis rápido pero aquí seguirei traballando para mellorar“.
O mozo, que en tan só uns días cumprirá 20 anos, confesou que ao principio lle custou un pouco adaptarse a outro país, outra cultura pero que agora lle gusta moito Galicia, “unha das partes que ten Vigo que me lembra a Noruega é a natureza, é un sitio moi bo para gozar da vida“. Mesmo, animouse en certos momentos co español, xa que “estou a practicar moito, enténdoo pero é un pouco máis difícil falar“.
Sen dúbida, Jones El-Abdellaoui está nun moi bo momento de forma no que tivo unhas bonitas palabras cara á afección, “amo os fans do Celta, son incribles, son o noso xogador número 12 no campo“.
Non te perdas as súas declaracións completas!