José Naranjo é a primeira fichaxe do Celta para a ilusionante e histórica tempada 2016/17. Tras superar o recoñecemento médico, o xove atacante selou a súa incorporación ao club vigués xunto ao presidente Carlos Mouriño na sede social de Praza España. Naranjo chega procedente do Nástic de Tarragona e vestirá a camiseta celeste as próximas 5 campañas.
José Manuel García Naranjo (1994, Huelva) é un talentoso mozo capaz de desenvolverse con soltura en calquera das posicións de ataque, aínda que a pasada campaña desempeñouse principalmente na banda esquerda. Dotado dunha gran potencia física, calidade e gol, Naranjo é, aos seus 21 anos, un futbolista de extraordinaria proxección.
Formado na canteira do Recreativo de Huelva, co que debutou en Segunda aos 18 anos, recalou no Nástic en 2015 tras pasar polo filial do Vilarreal. Na súa única tempada co cadro catalán Naranjo revelouse como unha das sensacións da categoría de prata, anotando 16 goles e asinando un papel crave na clasificación do equipo para o playoff de ascenso a Primeira.
A presentación do novo xogador celeste terá lugar este sábado ás 12:00 horas no estadio de Balaídos. Os afeccionados poden asistir ao acto accedendo pola porta 18 (Grada de Río).