DESPEDIDA_KEVIN02_16-9
Primeiro Equipo

Kevin Vázquez di adeus ao RC Celta despois dunha traxectoria histórica

RC Celta

O RC Celta e Kevin Vázquez pecharon de mutuo acordo a terminación anticipada do contrato do que é o segundo capitán do primeiro equipo celeste.

O canteirán, moi querido entre toda a afección, pon punto e final á súa traxectoria como xogador do RC Celta despois de toda unha vida ligada ao club. Natural de Camos (Nigrán), chegou á Madroa sendo un neno e, desde entón, pasou por diferentes categorías da canteira converténdose en todo un exemplo de perseveranza, esforzo e loita por cumprir o seu soño: “ser xogador do RC Celta”.

Unha constancia coa que labrou unha traxectoria no club que o posicionan como toda unha lenda celeste. En febreiro de 2010, debutaba no Celta B ante o SD Eibar e, en agosto de 2011, facíao como titular ante o CD Lugo. Nesa mesma tempada, integrábase nas filas do filial, onde estivo durante 8 campañas, converténdose no xogador con máis partidos disputados na historia do Celta B (161) e, tamén, con máis capitanías (69). No curso 2018/19, pasou a formar parte do plantel do primeiro equipo, debutando nun partido de Copa del Rey ante a Real Sociedade en Abanca Balaídos. Curiosamente, tamén se estreou ante o equipo donostiarra en Primeira División, esta vez, en Anoeta.

Lembrar a traxectoria no club de Kevin Vázquez é facer unha mención á perseveranza e tesón dun xogador que defendeu o escudo celeste ao longo de máis de 18.000 minutos. Unha persoa que sempre representou á perfección as raíces e a filosofía que enorgullece ao RC Celta. Uns valores polos que foi capitán do filial e do primeiro equipo sendo exemplo de disciplina, compromiso e liderado.

O RC Celta quere agradecerlle a dedicación, implicación e amor que demostrou por este club que sempre será a súa casa e desexarlle todos os éxitos nos seus futuros proxectos.

Ata sempre, capitán!

*O xogador despedirase publicamente da afección celeste nos próximos días.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo

Noticias recomendadas