O Celta recuperou o cetro do fútbol galego cunha goleada inesquecible na que o capitán Hugo Mallo, Orellana e Iago Aspas por partida dobre, puxeron os goles. Dominio vigués, que se sobrepuxo ao tanto do empate do Deportivo e levou o derbi de Galicia cun gran 4-1. O canteirán Iago Aspas estreouse como goleador ante o Deportivo cun dobrete.
Primeira parte de dominio vigués. O Celta consentía a pelota, da que era dono e señor, mentres o Deportivo agardaba o erro celeste para tentar facer dano á contra. Wass e Orellana foron os primeiros en pór en proba a Poroto Lux, que nada puido facer no primeiro gol olívico.
Á media hora de xogo Orellana recolleu en banda un balón, viu a internada de Hugo Mallo na área deportivista e serviulle o balón para que o capitán cruzáseo lonxe do alcance do gardameta coruñés. Apenas cinco minutos despois, o Deportivo empatou a balón parado. Albentosa cabeceou a saque de falta e puxo as táboas antes do tempo morto.
No segundo tempo o partido equilibrouse. O Celta mantiña a posesión do esférico, pero con máis dificultades para facelo circular. Os celestes recuperaron sensacións co paso dos minutos, cun Fabián Orellana que tomou a batuta e esixiu o máximo á defensa coruñesa. No minuto 58 Sidnei tocou a pelota coa man dentro da área e o Celta non desaproveitou a ocasión para volver porse por diante. Primeira diana de Iago Aspas nun derbi.
O gol vigués espoleó ao Deportivo, que aumentou a súa presenza nas inmediacións da área céltica. Os achegamentos branquiazuis apenas xeraron perigo e foi de novo o Celta quen golpeou. No minuto 77 Jonny cabalgou pola banda esquerda e serviu un balón perfecto para que Orellana cabecease a gol. Na recta final do choque Iago Aspas fixo o seu dobrete á contra. O Celta coroouse de novo como rei de Galicia, cun 4-1 que converteu Balaídos nunha auténtica festa para o celtismo.
FICHA TÉCNICA
1-CELTA: Sergio, Hugo Mallo, Roncaglia, Cabral, Jonny, Radoja, Wass, Pablo Hernández, Orellana (Sisto, min.90), Bongonda (Marcelo Díaz, min.74), Iago Aspas (Rossi, min.88).
1-DEPORTIVO: Lux, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Navarro, Mosquera, Guilherme (Borges, min.80), Bruno Gama (Marlos Moreno, min.64), Fayçal, Andone, Babel (Carles Gil, min.73).
Goles: Hugo Mallo, 1-0 (min.32); Albentosa, 1-1 (min.37); Iago Aspas, 2-1 (min.60, de penalti); Orellana, 3-1 (min.77); Iago Aspas, 4-1 (min.83).
Árbitro: Álvarez Izquierdo, do comité catalán. Amonestou a Albentosa, Guilherme, Sidnei, Mosquera (Deportivo); Hugo Mallo, Pablo Hernández (Celta).
Campo: Balaídos (21.024 espectadores).