Lucas Olaza recolleu este mércores na Madroa o premio ao Xogador Estrela Galicia do mes de novembro, o seu primeiro trofeo como futbolista do RC Celta. O lateral zurdo conseguiu o 46% dos votos emitidos polos afeccionados celestes a través das redes sociais do club, seguido por Iago Aspas cun 33% dos votos e de Néstor Araújo cun 21%.
O defensor uruguaio recibiu o trofeo de mans de Antonio Vázquez, propietario da Tapería Las Tablas e mostrou o seu agradecemento á afección por haberlle condecorado como o mellor xogador do último mes. Tamén estivo presente Luis Sousa en representación de Estrella Galicia.
De cara ao próximo partido ante o Mallorca, Olaza valorouno como “unha oportunidade para facer un bo encontro e demostrar do que somos capaces”. O defensor charrúa aproveitou a ocasión para lanzar unha chiscadela á afección. “Deunos moito a tempada pasada, sempre nos apoiou nos momentos difíciles e é unha parte fundamental para conseguir todos os puntos que necesitamos”, concluíu.