20211210_RCDMallorcaVsRCCelta_3
Primeiro Equipo

Reparto de puntos entre RC Celta e RCD Mallorca co vento como protagonista

RC Celta

O RC Celta volveu sumar fóra de casa tras empatar sen goles no Visit Mallorca Estadi #ante o RCD Mallorca no partido correspondente á décimo sétima xornada de LaLiga. Un encontro no que o vento foi o factor determinante, condicionando por completo o xogo de ambos os equipos durante o transcurso do choque.
Tras un cuarto de hora de tenteo das condicións meteorolóxicas por parte de ambos equipos, Santi Mina tiña que ser retirado por precaución en padiola tras recibir un forte balonazo na cara. A pesar diso e do vendaval en contra, o RC Celta resistiu e mesmo estivo máis preto do gol na primeira metade cunha boa ocasión para Galhardo tras unha falta lateral no tramo final do primeiros corenta e cinco minutos de tempo regulamentario.
A primeira ocasión clara tras o descanso era para os locais por medio de Maffeo, ao que os celestes respondían cunha boa oportunidade para Galhardo e un disparo de Brais que non colleu portería. O partido collía voo co paso dos minutos e, despois dunha chilena de Ángel que atrapou seguro Dituro, o RC Celta dispoñía dunha dobre ocasión para poñerse por diante, esta vez con Galhardo e Tapia -de cabeza- como protagonistas. Isto espoleou aos de Eduardo Coudet, que levaron o mando do encontro no tramo final do choque, cunha seguidilla de ocasións claras, pero non foi suficiente para que o conxunto céltico levase os tres puntos.
Un resultado que alza momentaneamente ao RC Celta ata a décimo terceira posición con dezasete puntos e que supón o último partido ligueiro do ano lonxe de Abanca Balaídos. Tras este empate, os celestes continuarán coa súa aventura copeira o vindeiro martes 14 de decembro ás 19:00 ante o FC Andorra no Estadi Nacional.

FICHA TÉCNICA

0 – RCD MALLORCA: Reina; Maffeo, Russo, Valjent, Jaume Costa; Battaglia, Ruiz de Galarreta (Sedlar, min. 89); Kang-in Lee (Fer Niño, min. 89), Antonio Sánchez (Kubo, min. 68), Dani Rodríguez; Abdón (Ángel, min. 56).

0 – RC CELTA: Dituro; Kevin, Aidoo, Araújo, Javi Galán; Renato Tapia, Denis Suárez (Nolito, min. 71), Fran Beltrán, Cervi; Brais Méndez, Santi Mina (Galhardo, min. 18).

Sen goles.

Árbitro: Díaz de Mera, do colexio castellanomanchego. Amonestou a Jaume Costa, Dani Rodríguez e Ruiz de Galarreta, del RCD Mallorca, e a Kevin e Denis Suárez, do RC Celta.

Campo: Visit Mallorca Estadi.

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo

Noticias recomendadas