O Celta concentrarse, en Marbella e Cheshire, en centros que cumpren as máximas esixencias
O Marbella Football Center, en Marbella, e o De Vere Carden Park Hotel, no condado inglés de Chesire, acollerán ao RC Celta durante a pretempada. O equipo vigués terá a oportunidade de realizar a súa posta a punto nunhas instalacións de primeiro nivel, tanto na cidade andaluza como en Inglaterra, que contaron coa confianza de clubs europeos de gran entidade.
Os celestes regresan ao traballo o vindeiro xoves 3 de xullo na Madroa e partirán cara a Marbella o día 13 do mesmo mes. Na cidade malagueña o plantel aloxarase no Hotel Barceló Marbella, localizado a tan só dez minutos en autobús do Marbella Football Center, actualmente recoñecido como un dos centros de alto rendemento deportivo máis exclusivo de Europa e que foi visitado en anteriores ocasións polo Spartak de Moscova, Dinamo de Kiev e Sevilla FC, entre outros.
As instalacións marbellís contan con 4 campos de fútbol con luz artificial e medidas FIFA (105mx65m) e 4 campos de fútbol 7 de iguais características. O Marbella Football Center dispón de 4 vestiarios para equipos, 3 vestiarios para adestradores, un ximnasio totalmente equipado, área de spa e centro médico, ademais dunha bancada con capacidade para máis de 1.000 persoas no campo principal.
Tras regresar a Vigo o 26 de xullo, o conxunto olívico volverá facer as maletas o día 31 para viaxar a Inglaterra. No país británico concentraranse no De Vere Carden Park Hotel, un reputado complexo hoteleiro que inclúe un impresionante centro de spa con máis de 20 áreas de tratamento diferentes, unha piscina de 20 metros e un completo ximnasio.
Os célticos poderán exercitarse no propio De Vere Carden Park Hotel, xa que o resort conta cun campo de fútbol que foi empregado pola selección inglesa Sub-20, o Genoa italiano ou o Real Betis. O 8 de agosto o RC Celta porá punto e final a súa estancia no Reino Unido, donde xa confirmou que xogará contra os ingleses Norwich City, Wolverhampton Wanderers e Burnley FC.