O Real Club Celta pechou a contratación do internacional chileno Marcelo Díaz, celeste as próximas 3 tempadas e media. O xogador procede do club alemán Hamburg SV e é un referente na Selección de Chile. O futbolista asinou o seu contrato hoxe na sede social do Celta en Praza España xunto ao presidente céltico Carlos Mouriño.
Marcelo Díaz (1986, Chile) é un centrocampista de gran experiencia que destaca pola súa calidade, golpeo de balón e espírito de sacrificio e entrega. Formado na Universidade de Chile, tamén militou no FC Basel suízo e no Hamburg SV da Bundesliga alemá, club desde o que chega ao RC Celta.
No seu palmarés conta con tres torneos apertura e un clausura do campionato chileno, unha Copa Suramericana, dous títulos da liga suíza e unha Copa América de seleccións. Ademais conta con experiencia na Europa League e a Champions League.
A presentación de Marcelo Díaz como xogador celeste terá lugar este domingo 17 de xaneiro ás 18:30h no Estadio de Balaídos.