Marcos Alonso foi recoñecido por primeira vez co premio MVP Estrella Galicia do mes de marzo, galardón que o distingue como o mellor xogador do RC Celta durante o último mes. A afección celeste foi a encargada de elixilo mediante votación, na que se impuxo ao seu compañeiro Alfon, consolidando así o gran momento de forma que demostrou desde a súa chegada á cidade olívica.
“Quero agradecer á afección por estar sempre aí“, expresou Marcos tras recibir o premio, mostrando a súa gratitude cara ao celtismo. Ademais, quixo resaltar o esforzo colectivo, recoñecendo que “o feito de que esta tempada este galardón estivese tan repartido, quere dicir que todo o equipo está a facer as cousas moi ben“.
E é que o RC Celta está a atravesar un momento doce xa que acumula oito xornadas sen coñecer a derrota e continúa demostrando unha identidade e unha personalidade moi sólida sobre o terreo de xogo. Neste sentido, Marcos Alonso converteuse nunha peza importante nun vestiario do que destaca “as ganas de mellorar e a ambición e determinación coa que afrontan cada partido“.
Un dos momentos máis destacados deste mes de marzo foi o desprazamento de máis dun milleiro de afeccionados a Pucela para acompañalos no encontro ante o Real Valladolid. Unha xornada especial na que o equipo lograba sumar os tres puntos, “foi moi bonito poder celebrar a vitoria con todos eles“. Unha unión co celtismo que o defensa madrileño tamén destaca dentro do vestiario co resto de compañeiros, “sentimos unha comuñón moi bonita“.
Por último, Marcos Alonso quixo agradecer o agarimo que recibiu desde a súa chegada ao club, destacando o importantísimo papel que xoga o celtismo co que espera poder loitar todos xuntos, este sábado, para lograr unha nova vitoria en Abanca Balaídos.
Parabéns, Marcos!