O RC Celta achega ao seu plantel presente e futuro coa incorporación para a tempada 2017/2018 do goleador uruguaio Maxi Gómez, quen, con 20 anos de idade, foi definido por diferentes analistas non só como o mellor xogador do Torneo Apertura de Uruguai, senón como o futbolista con maior proxección do país suramericano.
O ariete proclamouse campión do mencionado torneo con Defensor Sporting, co que anotou nada menos que once goles en doce encontros. Maxi Gómez (Paysandú, 14 de agosto de 1996) é un dianteiro centro de gran envergadura, pero con boa técnica e unha capacidade e habilidade no remate que causou un gran asombro.
O xa dianteiro céltico debutou no primeiro equipo de Defensor Sporting a finais de 2015, con 19 anos recentemente cumpridos, e sumou 14 goles en 21 partidos, cifras realmente espectaculares que o futbolista referendou neste último tramo de competición.
O xogador viaxará a Vigo nos próximos días para pechar un contrato co RC Celta ata o ano 2022.
O club celeste pon desta maneira a primeira pedra para a ilusionante campaña 2017/2018, na que o persoal céltico contará cun mozo dianteiro que coleccionou eloxios en Uruguai, onde a súa incipiente carreira é seguida con interese e admiración.