06_FEBRERO_EG_MiguelRoman-9
Novas primeiro equipo

Miguel Román, premio Estrella Galicia de febreiro

RC Celta

Febreiro xa ten nome propio no Celta. A afección celeste elixiu a Miguel Román como MVP Estrella Galicia do segundo mes do ano, adiantando a Iago Aspas e Williot Swedberg. Un recoñecemento que nace do voto do celtismo e que reflicte valores como o esforzo, o compromiso e a ambición compartidos polo club e Estrella Galicia.

O mediocentro asinou un inicio de 2026 de gran nivel, cun total de 489 minutos en seis partidos entre Liga e UEL, deixando pegada en cada encontro e confirmando o seu crecemento dentro do equipo.

Ao recoller o seu primeiro premio Estrella Galicia, Miguel non ocultou a emoción. “Non teño palabras de agradecemento suficientes para a afección, son incribles”, confesou. Tamén quixo destacar o que significa este recoñecemento no persoal: “É un orgullo non só para min senón tamén para a miña familia”.

O canteirán atravesa agora un momento distinto pola lesión, pero mantén unha mirada positiva. Está mellor e avanza con paciencia, pero optimista. “As lesións non se elixen, pero creo que isto me vai vir ben para crecer como futbolista e como persoa”, explicou.

A tempada foi intensa para el. O salto da canteira ao primeiro equipo, con partidos constantes e presenza en competición europea, chegou moi rápido. “Se che son sincero creo que aínda non o asimilado de todo”, recoñeceu. “Agora neste parón, no que xa non estou xogando e vexo os partidos desde fóra, é cando me empezo a dar conta do que estiven conseguindo e a verdade que é algo que me chegan a dicir o ano pasado e non mo imaxino”.

E aínda que agora estea afastado do verde, segue moi conectado ao vestiario e non quixo desaproveitar a oportunidade para falar dos seus compañeiros. “Estes dous últimos meses son os máis importantes, porque é cando se decide todo, pero debemos ter os pés no chan”, asegurou, centrado no colectivo.

Así pecha Miguel Román un febreiro brillante, cun premio que confirma o seu crecemento e unha lesión que ten claro que, lonxe de frealo, o fará máis forte. “O obxectivo é volver o antes posible para axudar ao equipo”, afirmou.

Parabéns, Miguel!

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas