O Celta perdeu 1-4 ante o Real Madrid nun partido que os vigueses arrincaron con moi boas sensacións. Un zurdazo de Ronaldo ao dez minutos e un tanto do portugués ao pouco de comezar a segunda parte anularon o excelente traballo do Celta ata entón. O partido se descontroló coa polémica expulsión de Aspas no minuto 62. Guidetti recortou distancias, pero o cadro madrileño aproveitou a súa superioridade numérica para pechar o choque.
Balaídos gozou do bo xogo celeste desde o primeiro minuto. Os de Berizzo, hoxe na bancada cumprindo o seu último partido de sanción, arrincaron moi ben ante o Real Madrid, xogando de ti a ti ante un dos grandes de Europa. A pesar das grandes sensacións do equipo galego, foi o cadro merengue o primeiro en golpear. No minuto 10 Ronaldo sacou un zurdazo da nada, imparable para Sergio, e puxo por diante ao Real Madrid.
O Celta foi a máis e terminou dominando con solvencia o partido ata o descanso. Nada máis iniciarse o segundo tempo, unha ocasión de gol de Guidetti transformouse nunha contra madridista que Cristiano Ronaldo finalizou para pór o segundo tanto do Real Madrid e da súa conta particular. A diana madrileña foi un xerro de auga fría para o Celta, que aos poucos baixou o seu nivel.
A partir do minuto 60, o partido se lle descontroló ao colexiado. Aspas caeu claramente derrubado na área e o futbolista viu a segunda amarela. O Celta quedaba inxustamente en inferioridade numérica. Oito minutos despois Guidetti recortou distancias no marcador, pero as esperanzas celestes duraron pouco. Na seguinte xogada Benzema marcou o 1-3. Os célticos resistiron e non baixaron os brazos ata o final, pero o Real Madrid fixo boa a súa superioridade e volveu marcar nos últimos latexados do choque. Kroos anotou o definitivo 1-4.
FICHA TÉCNICA
1-CELTA: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Roncaglia, Jonny, Pablo Hdez., Wass, Jozabed (Marcelo Díaz, min.72), Iago Aspas, Sisto (Pape, min.80), Guidetti (Beauvue, min.86).
4-R.MADRID: Navas, Danilo, Varane, Ramos, Marcelo, Casemiro (Kovacic, min.71), Kroos, Modric, Isco (Asensio, min.83), Ronaldo (Lucas Vázquez, min.83), Benzema.
Goles: Ronaldo, min.10, 0-1; Ronaldo, min.48, 0-2; Guidetti, min.68, 1-2; Benzema, min.70, 1-3; Kroos, min.88, 1-4.
Árbitro: Martínez Munuera, do comité valenciano. Expulsou a Iago Aspas con dúas amarelas (min.62). Amonestou a Jonny, Guidetti, Hugo Mallo, Pablo Hdez. (Celta); Casemiro, Ramos (R.Madrid).
Campo: Balaídos, 22.838 espectadores.