Primeiro Equipo

O Celta arranca ante o Espanyol cun gran xogo e un curto empate (2-2)

RC Celta

Celta-Espanyol_2013_2-2.jpg

Os celestes topáronse con Casilla, o mellor do Espanyol. Álex López e Charles, os goleadores

 

O Celta non puido sacar o rendemento que merecía a súa proposta, o seu xogo e as súas ocasións e sumou un punto, moi escaso, no seu debut en Liga ante un Espanyol que tivo no seu porteiro ao seu mellor xogador. Empate a dous goles nun bo encontro dos celestes, que tiveron a Álex López e Charles como goleadores. Houbo novos actos con motivo da celebración, o día 23, do 90 aniversario.

 

A liga comezou en Balaídos con velocidade, intensidade e ritmo, con dous equipos ambiciosos e verticais. Aos dous minutos, boa arrancada de Álex López, taconazo de Charles e remate de rosca, desviado, de Nolito. Foi a primeira chegada dun Celta rápido nas transicións, ávido de balón e con criterio. En fronte, un rival serio atrás e envorcado nas contras.

 

O partido, sen pausa, ía caendo ao lado dos celestes, dominadores da posesión e atinados na circulación. O Espanyol asustaba nos contragolpes, que realizaba con velocidade e intención.

 

Casilla despexou con apuros aos 25 minutos un centro de Nolito cara a Charles tras outra boa chegada dun Celta que ofrecía excelentes sensacións e ao que lle faltaba un pouco máis de tino nos metros finais.

 

No tramo final o encontro enfriouse ata que os célticos aceleraron. Aos 38 minutos, boa apertura de Charles e espectacular remate desde a banda de Augusto que Casilla sacou pegado ao pau. E aos 42 minutos xenialidade der Krohn-Delhi, pase maxistral a Álex López, quen controla con clase, vírase e anota. Gran e merecido gol.

 

Tras a continuación, outro golpe. Nova xenialidade de Krohn-Dehli, centro medido, tépedo, cara a Charles, e cabezazo magnífico do ariete á rede. O Celta ampliaba a súa vantaxe no primeiro minuto de xogo da segunda metade.

 

A placidez desapareceu pouco despois. Rexeite cara a Víctor e golpeo perfecto á rede. Pouco despois Casilla despexou con moitos apuros un remate do interior danés do Celta.

 

O partido, vibrante, volvía abrirse, cun Espanyol obrigatoriamente máis ambicioso e un Celta serio, dinámico e vertical. Krohn-Dehli probou de novo desde a frontal tras un pase de Rafinha e o meta rival atrapou con seguridade. Ían 68 minutos de xogo e o encontro seguía aberto. Rafinha exhibiuse pouco despois cunha xogada espectacular e un remate que despexou Casa de maneira maxistral.

 

O Espanyol nunha contra logrou o empate. Pase ao oco cara a Thievy, quen encarou a Yoel e anotou o segundo para o seu equipo. Xogada illada tras un bo intre de acoso e oportunidades celestes e máximo rendemento para o Espanyol. O seu porteiro, o mellor do seu equipo sacou de maneira milagrosa un cabezazo picado de Cabral á saída dun córner. Outra gran ocasión para un Celta que merecía moito máis. Ao final, un punto que soubo a pouco.

 

FICHA TÉCNICA 

 

2-R.C.Celta: Yoel, Hugo Mallo, Cabral, Fontás, Oubiña, Álex López (Madinda, min.99, Krohn-Dehli, Augusto, Nolito (Rafinha, min.62) e Charles (David, min.83)

 

2-R.C.D. Espanyol: Kike Casillas, Víctor S., M.Moreno, Colotto, Fuentes, David López, Pizzi (Thievy, min.59), David López (Abraham. Min.72), Simao, Stuani e Sergio García (Raúl R., min.78)

 

Goles: 1-0. Min.42: Álex López; 2-0, min.46: Charles; 2-1, min.53: Víctor S.; 2-2, min.75; Thievy

 

Árbitro: Teixeira Vitienes, do comité cántabro. Amonestou a Augusto, Álex López, Rafinha, David, Víctor Sánchez, Fuentes, Simao, Javi López

 

Campo: Balaídos, 21.672 espectadores: antes do comezo do partido desenvolvéronse novos actos con motivo da celebración do 90 aniversario: a presentación das categorías inferiores e do equipo de Fútbol Indoor, bandeiras xigantes alusivas á efeméride, un mosaico coa lenda “90 anos xuntos”, canóns de confeti…

 

Foto: Diego Pérez

RC Celta

Etiquetas

Primeiro Equipo Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Hemeroteca primer equipo gl Primeiro Equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas