Triunfo de fe e empeño, gran remontada, con goles de Álex López e Bermejo. A afección, de dez.
O Celta rexurdiu en Balaídos nun partido de gran tensión e intensidade. Os vigueses topáronse cun gol en contra no primeiro tramo de partido e empatou antes do descanso cun cabezazo de Álex López. Os celestes buscaron con empeño o tanto da vitoria, necesaria, e atopárono no desconto. Mario Bermejo selou o triunfo.
Aos 3 minutos, falta lanzada por Álex López, que sae preto da escuadra. Foi a carta de presentación do Celta, moi motivado e metido desde o primeiro instante. O Zaragoza, que tampouco podía reservar, tamén apertou desde o inicio, con varias xogadas a balón parado que crearon certa inquietude.
Roberto desviou co pé, con fortuna, un remate de socato de Álex López aos 15 minutos. Boa ocasión para os célticos, que buscaban con afán a área rival.
Con todo, o Zaragoza acertou a balón parado. Falta lateral, que Sapunaru cabeceou á rede aos 25 minutos de xogo. Álex López, disparou lixeiramente desviado aos 31 minutos. O Celta buscaba o empate con desesperación. Atopouno aos 36 cunha gran xogada, un centro espectacular de Augusto e un bo cabezazo de Álex López. Merecido empate, que aliviou e incentivou aos célticos. Até o descanso, non houbo máis.
Tras a continuación, Álex López lanzou desviado coa zurda desde a frontal na primeira chegada celeste. Natxo Insa rematou contra Roberto na área pequena tras unha gran asistencia de Krohn-Dehli. Despois, dous saques de esquina con moitos apuros para a meta visitante, que liquidou con fortuna o envite local.
Javi Varas desviou ben un remate na área tras un rexeite desafortunado para o Celta, que apertaba con garra en busca da vitoria. As chegadas do cadro vigués multiplicábanse, pero non acababan de dar froitos. No último cuarto de hora, o Celta envorcouse, pero non atopaba o camiño. Fíxoo no desconto, cunha boa xogada e remate á rede de Mario Bermejo.
FICHA TÉCNICA
2-R.C.Celta: Javi Varas, Jonny (Park, min.76), Jonathan Vila, Túñez, Roberto Lago, Oubiña, Natxo Insa, Augusto, Álex López (Orellana, min.59), Krohn-Dehli (De Lucas, mibn.83) e Mario Bermejo
1-R.Zaragoza: Roberto, Movilla (Stefan. min.67), Paredes, Sapunaru, Loovens, Abraham, Pinter, Apoño, Montañés (Rodri, min.86), Rochina (Víctor, min.59) e Postiga
Goles: 0-1, min.25: Sapunaru; 1-1, min.36 Álex López; 2-1, min.82: Mario Bermejo
Árbitro: Del Cerro Grande, do comité madrileño. Amonestou a Jonny, Oubiña, Natxo Insa, Vila, Sapunaru, Movilla, Paredes, Pinter
Campo: Estadio de Balaídos, 15.542 espectadores.
Foto: Diego Pérez