Nolito e David Rodríguez tiveron o empate nas súas botas
O Celta arrancou de inicio co mesmo formulación táctica que puidemos ver na primeira parte do partido ante o Coruxo, un 5-3-2 no que Hugo Mallo e Toni exerceron de carrileros.
O Porto non tardou en inquietar a portería defendida por Yoel. Transcorridos tan só dous minutos de xogo, Varela desmarcouse e enviou un potente disparo que se marchou rozando o traveseiro. O conxunto branquiazul levaba a batuta do partido nos primeiros compases do mesmo, pero os celestes foron de menos a máis.
Aos dez minutos o Celta parecía entoarse. Un bo centro de Augusto á área non atopou rematador no primeiro achegamento dos vigueses. O xerro de auga fría chegaría pouco despois. Pase en profundidade que recibe Jackson Martínez, en posición de fóra de xogo. O colexiado deixou continuar a xogada e o dianteiro portista non perdoou. 1-0 que non debeu subir ao marcador.
No minuto 17 Charles gozou da primeira gran ocasión dos célticos. Recorte no área local e disparo raso que atrapa Helton, moi acertado baixo paus. Yoel non sería menos e, mediado o primeiro tempo desbaratou unha tripla ocasión do Porto nun alarde de reflexos e anticipación.
Augusto Fernández foi o primeiro sustituído do conxunto olívico. O arxentino, que recibira un forte golpe na cabeza ao comezo do encontro, abandonou o terreo de xogo para dar entrada a Krohn-Dehli. O internacional danés puxo a proba a Helton ao bordo do descanso cun disparo picado na frontal da área. O gardameta brasileiro realizou unha gran estirada para evitar o gol do empate.
Luís Enrique deu entrada a Sergio, Goldar, Rafinha, Nolito e David tras o tempo morto. Máis tarde tamén entrarían o resto de futbolistas que comezaron o envite no banco vigués. O Porto impúxose con claridade no primeiro período da segunda parte, cunha presión constante moi preto da área céltica.
Conforme pasaron os minutos e co cambio de esquema táctico, o Celta atopou máis posibilidades ofensivas e gozou de varias ocasións para empatar. No minuto 65 Nolito enviou o esférico ao poste e pouco despois serviu un centro á área pequena que Fabiano, gardameta do Porto no segundo tempo, despexou con dificultade.
O cadro galego gañou confianza ofensiva. David Rodríguez tivo o empate nas súas botas, primeiro tras un espectacular pase de Krohn-Dehli, despois nun un contra un que non foi capaz de finalizar. Co tempo regulamentario cumprido ambos os equipos protagonizaron un enfrontamento para esquecer que embazou o bo espectáculo que ofreceran ata o momento. O xogo reiniciouse, pero o lanzamento de bengalas á área celeste obrigou ao colexiado a dar por finalizado o encontro.
FICHA TÉCNICA
FC Porto: Helton, Danilo, Otamendi, Mangala, Fucile, Fernando, Defour, Lucho, Iturbe, Jackson y Varela. También jugaron: Fabiano, Kelvin, Josué, Adboulaye, Castro, Licá e Maicon
RC Celta: Yoel, Hugo Mallo, Cabral, Vila, Fontás, Toni, Oubiña, Augusto, Álex López, Orellana y Charles. También jugaron: Sergio, Túñez, Rafinha, Nolito, Bellvís, Madinda, David Rodríguez, Krohn-Dehli, Yelko Pino, Borja Fernández, Fernán e Goldar
Goles: 1-0, Jackson Martínez (min.12)
Árbitro: Hugo Pacheco. Amonestou a Toni Rodríguez e Nolito
Incidencias: antes do partido o FC Porto realizou os actos de celebración do seu 120 aniversario e a presentación oficial do equipo. O partido finalizou co lanzamento de bengalas ó área do Celta por parte de afeccionados do FC Porto
Fotografía: Diego Pérez