O RC Celta despediuse da Copa del Rey en oitavos, pero fíxoo coa cabeza alta, loitando ata o último suspiro ante un Santiago Bernabéu atónito tras a actuación celeste. A pesar de caer na prórroga por 5-2, os de Claudio Giráldez demostraron unha valentía e determinación excepcionais, poñendo en aprietos a un Real Madrid que, aínda que logrou o pase a cuartos, nunca tivo o partido no peto.
O encontro arrincou co ritmo trepidante e a imprevisibilidad propia dunha eliminatoria copeira, ata que no minuto 37, o Real Madrid adiantouse grazas a un gol de Mbappé. O 9 merengue aproveitou un contragolpe para bater a Iván Villar cun disparo preciso. Un tanto que chegou con polémica, xa que a acción orixinouse tras un posible penalti sobre Williot que o árbitro non sinalou. Pero daba igual, o marcador xa reflectía a vantaxe dos locais.
Á volta de vestiarios, o Madrid parecía ter o control do encontro e Vinicius ampliou a vantaxe aos poucos minutos, no 48, despois dunha brillante xogada colectiva entre Mbappé, Brahim e o propio Vinicius, que non perdoou ante Iván Villar. Co 2-0 no electrónico e o dominio dos brancos, o Celta viuse obrigado a remar contra corrente. Pero, a Copa ten as súas propias leis, e cando a sentenza parecía executada, apareceu Bamba para devolver o alento aos galegos. No 83, pouco despois de ingresar no terreo de xogo, o 17 celeste recortou distancias e acendeu de novo a esperanza. Apenas sete minutos despois, no 90, un penalti sobre Bamba permitiu a Marcos Alonso marcar o empate. Un gol que levou o choque á prórroga e que avivou a ilusión do celtismo.
No tempo extra, o Real Madrid atopou respostas, e a pesar de que o Celta aguantou durante os primeiros 15 minutos, no segundo tempo da prórroga, Endrick anotou o 3-2. E apenas uns minutos despois, Valverde sentenciou moralmente o partido cun tiro afastado que subiu o 4-2 ao luminoso. Co Celta xa tocado, o dianteiro merengue de 18 anos volveu aparecer no minuto 120, esta vez cun tacón na área pequena para asegurar, aínda máis, o seu pase a cuartos (5-2).
O asubío final certificou a clasificación do Real Madrid, pero tamén deixou claro que o Celta vendeu cara a súa eliminación.
A Copa xa dixo adeus este ano para os celestes, pero “a débeda” continúa…
FICHA TÉCNICA:
5 – Real Madrid: Lunin; Lucas Vázquez, Asencio, Rüdiger, Fran García (Bellingham, min.90+2); Tchouameni, Modric (Valverde, min.79), Ceballos (Güler, min.70); Brahim (Camavinga, min.70), Mbappé (Endrick, min.79) e Vinícius (Rodrygo, min.105).
2- RC Celta: Iván Villar; Mingueza, Javi Rodríguez (Manquillo, min.95), Starfelt, Marcos Alonso, Carreira (Cervi, min.75); Beltrán (Sotelo, min.56), Moriba; Hugo Alvarez (Bamba, min.67), Swedberg (Durán, min.56); Borja Iglesias (Fer López, min.75).
Goles: 1-0: min. 37, Mbappé. 2-0: min. 48, Vinicius. 2-1: min. 83, Bamba. 2-2: min. 91, Marcos Alonso, de penalti. 3-2: min. 108, Endrick. 4-2: min. 112, Valverde. 5-2: min. 119, Endrick.
Árbitro: Munuera Montero (Comité Andaluz). Amonestou a Asencio, Iván Villar, Starfelt, Endrick e Giráldez.
Incidencias: Partido de oitavos de final de Copa del Rey disputado no Santiago Bernabéu.