oncetitular
Primeiro Equipo

O Celta celebra o seu aniversario cun empate en Son Moix (1-1)

RC Celta

O Celta levou un punto de Son Moix no día do seu 102 aniversario cun equipo ben plantado e que deixou moi boas sensacións sobre o terreo de xogo.

Era un día moi especial para todo o club e así o demostraron os xogadores nada máis saltar ao terreo de xogo. Claudio Giráldez apostaba ante o RCD Mallorca por un once inicial infestado de cambios, ata seis caras novas con respecto á primeira xornada. Entre elas destacaba Manu Fernández que en terras mallorquinas debutaba nun partido oficial co primeiro equipo dando continuidade a unha saga celeste e remarcando un sentimento de herdanza que pasou polo seu avó, polo seu pai e que agora o mozo canteirán defende na máxima categoría.

Co balón sobre o terreo de xogo, ambos os conxuntos demostraron a súa intensidade e repartíronse o dominio e as ocasións. Clara foi a oportunidade de Ilaix Moriba desde fóra da área que enviaba un zarpazo que obrigou a Leo Román a facer unha gran estirada para desvialo. Xa encarando os últimos minutos da primeira metade, Javi Rueda, na súa posta de longo como titular, culminou con clase un pase medido de Hugo Sotelo. Tras un gran contragolpe, o malagueño picaba a pelota desde o balcón da área e anotaba a pracer o que sería o seu primeiro tanto en primeira división.

Na segunda parte, os de Claudio Giráldez aguantaron ben a presión dun Mallorca doído que insistía a base de centros laterais pero que non terminaba de atopar oco na zaga celeste. Un Celta que mantiña o seu guion e mostrábase cómodo, replegado e mesmo con ocasións para pechar o partido. A máis clara foi a de Fran Beltrán que, recentemente ingresado ao campo, capitaneaba un contragolpe que finalmente non conseguiu definir con precisión ante Leo Román. E o que non sentenciou o Celta, castigouno o rival xa que, uns segundos despois, Mateu Jaume facíase cun balón morto na área celeste co que subía o empate ao marcador.

Boas sensacións e lectura moi positiva da primeira actuación a domicilio dos pupilos de Claudio Giráldez esta tempada. Xa de volta en Vigo, o conxunto prepárase para recibir ao Betis o vindeiro mércores, 27 de agosto ás 21:00h, en Abanca Balaídos onde disputarán a xornada 6 adiantada con motivo do calendario da UEFA.

FICHA TÉCNICA:

1 – RCD Mallorca: Leo Román, Mateu Jaume, Martin Valjent, Antonio Raíllo, Johan Mojica, Omar Macsarell (Dani Rodríguez, min. 68), Antonio Sánchez (Marash Kumbulla, min. 46), Pablo Torre (Jan Salas, min. 82), Sergi Darder, Takuma Asano (Marc Doménech, min. 68) e Mateo Joseph (Abdón Prats, min. 68).

1 – Celta: Andrei Radu, Marcos Alonso, Carlos Domínguez, Manu Fernández (Javi Rodríguez, min. 63), Javi Rueda, Hugo Sotelo (Fran Beltrán, min. 63), Ilaix Moriba, Sergio Carreira, Iago Aspas (Williot Swedberg, min. 63), Ferran Jutglà (Borja Iglesias, min. 73) e Pablo Durán (Bryan Zaragoza, min. 90).

Goles: Javi Rueda (0-1, min. 38) e Mateu Morey (1-1, min. 88)

Árbitro: Jose Luis Guzmán Mansilla (Colexio andaluz). Por parte do Celta, amoestou con tarxeta amarela a Hugo Sotelo (min. 72) e Carlos Domínguez (min. 75). Mentres que no conxunto rival, viron cartón amarelo Antonio Sánchez (min. 14), Takuma Asano (min. 51) e Omar Mascarell (min. 56).

Incidencias: Encontro correspondente á segunda xornada de Laliga EA Sports disputado no Estadio Son Moix ante 16.274 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas