O Celta arrincou a segunda volta cunha boa vitoria ante o Levante, un triunfo que debeu ser folgado e tranquilo tras unha vantaxe de tres a cero. O Levante anotou dous goles noutros tantos minutos, os locais lograron marcar e o Levante volveu acurtar. Vitoria innecesariamente sufrida. Marcaron Guidetti, en dúas ocasións, Iago Aspas e Orellana.
O Celta ofreceu de inicio un aspecto diferente ao habitual, sen medio centro defensivo específico, Hugo Mallo de central e dúas puntas. Aos 34 minutos, apareceu a xogada. Brillante combinación pola dereita con Orellana e Aspas como protagonistas. O pase atrás do canteirán foi enviado á rede por Guidetti.
Aos 39 minutos, apareceu Guidetti de novo. O dianteiro superou cunha vaselina a Mariño tras un xenial pase en profundidade de Wass. O Celta, que era superior, aumentaba a súa vantaxe.
Tras o descanso, Orellana a punto estivo de marcar tras un gran pase de Guidettie, pero o seu remate, desde o punto de penalti, acabou nas mans de Mariño. Nesta fase inicial da segunda parte, os celestes dominaron de maneira rotunda ao seu rival e dispuxeron de boas ocasións para sentenciar o choque.
Aos 11 minutos Iago Aspas recibiu en tres cuartos de campo, foise con velocidade cara á área e cruzou con calidade ante a saída de Mariño. O Levante acurtou distancias pouco despois, aos 18 minutos cun cabezazo tras un centro desde a dereita. E foi peor, dous minutos despois, Pedro López volveu marcar para acabar dunha plumada coa tranquilidade céltica.
Ao Celta entroulle o medo a perder tras unha vantaxe tan abafadora e o Levante empuxou con forza. Foron minutos difíciles os seguintes, cos celestes atenazados e o rival lanzado en busca dun empate impensable.
Os vigueses reaccionaron aos 38 minutos cunha boa combinación de Señé i Aspas, quen habilitou a Orellana para que o chileno superase a Mariño cun certeiro remate. Houbo máis incerteza, Morais volveu marcar a falta de dous minutos. Finalmente, vitoria importante para iniciar a segunda volta.
FICHA TÉCNICA
4-RC Celta: Sergio, Hugo Mallo, Jonny, Hugo Mallo, Cabral, Planas, Wass, Pablo Hernández (Sergi Gómez, min.85), Orellana, Iago Aspas, Bongonda (Radoja, min.69) e Guidetti (Señé, min.61)
3-Levante UD: Mariño, Toño García, Navarro (Ghilas, min.83), Simao (Roger, min.66), Camarasa, Lerma, M.Cuero (Rubén García, min-56), J.Morales, Pedro López, Deyverson e Feddal
Goles: 1-0, min.34: Guidetti; 2-0, min.40: Giudetti; 3-0, min.56: Iago Aspas; 3-1, min.63: Deyverson; 3-2, min.65: Pedro López; 4-2, min.84: Orellana; 4-3, min.88: Morales
Árbitro: Del Cerro Grande, do comité madrileño. Amonestou a Toño García, Simao, Camarasa, Lerma, Bongonda
Campo: Balaídos, 17.080 espectadores.