paok2
Primeiro Equipo

O Celta domina ante o PAOK e sela o seu billete a oitavos (1-0)

RC Celta

O Celta xa está nos oitavos de final da Europa League. E fíxoo como se gañan as eliminatorias europeas: con personalidade. O 1-0 ante o PAOK en Abanca Balaídos, resolto por un Williot Swedberg que parece tomarlle a medida ao conxunto grego, pechou unha serie que os celestes dominaron de principio a fin.

Claudio Giráldez apenas retocou o once respecto a Salónica, dando entrada a Javi Rueda e a Matías Vecino. O obxectivo: minimizar riscos, manter a posesión e defenderse co balón ante un PAOK que amagou con presión alta, pero pronto se replegou para fialo todo ao balón parado e a un duelo longo. Só en accións illadas á saída de córner inquietaron os de Lucescu, mentres o conxunto celeste mostrouse firme e ordenado.

Con pouco espazo para correr, o Celta optou pola paciencia. Moveu o esférico de lado a lado, buscou a Iago Aspas entre liñas e atopou profundidade polos costados, aínda que faltou precisión no último pase. O partido estaba baixo control, e esa sensación multiplicouse tras o descanso. Cunha marcha máis, os de Giráldez regresaron ao terreo de xogo dispostos a tomar vantaxe e, tras un primeiro aviso serio, o tanto non tardou en chegar.

Nunha secuencia coral, Miguel Román iniciou a xogada, Sergio Carreira deulle profundidade e Borja Iglesias descargou de fronte para que Williot Swedberg, cun interior preciso e elegante, batese a Tsiftsis e desatase a euforia en Abanca Balaídos. Un gol que encarrilaba a clasificación, aínda que quedaba moito partido por diante. O Celta non reculou, seguiu presionando tras perda, atacou os espazos que deixou o PAOK ao adiantar liñas e rozou o segundo en varias transicións, aínda que o marcador xa non se moveu.

O asubío final confirmaba o que todos estabamos a esperar: o Celta estará no bombo dos oitavos de final da Europa League. No horizonte, Olimpique de Lyon ou Aston Villa. Un dos dous será o noso próximo adversario pero, mentres tanto, gocemos porque o soño continúa.

FICHA TÉCNICA:

1 – Celta: Andrei Radu; Javi Rodríguez, Carl Starfelt, Marcos Alonso (Carlos Domínguez, min. 88); Javi Rueda, Ilaix Moriba (Miguel Román, min. 46), Matías Vecino, Sergio Carreira; Iago Aspas (Ferran Jutglà, min. 67), Williot Swedberg (Jones El-Abdellaoui, min. 77) e Borja Iglesias (Fer López, min. 77).

0 – PAOK: Tsiftsis; Kenny, Kedziora, Michailidis, Baba; Sánchez, Ozdoev, Bianco (Camara, min. 67), Zafeiris, Chatsidis (Taylor, min. 73); Giakoumakis (Jeremejeff, min. 79).

Gol: 1-0, min. 63: Williot Swedberg.

Árbitro: Marco Guida (Italia). Por parte do Celta, mostrou cartolina amarela a Ilaix Moriba.

Incidencias: Partido de volta dos dezaseisavos de final da Europa League disputado en Abanca Balaídos ante 21.306 espectadores. Ao comezo repartíronse máis de 20.000 bandeiras celestes como tifo ante unha cita tan especial.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas