IMG_20260805_224056_978
Novas primeiro equipo

O Celta estréase con vitoria en Italia ante o Sassuolo (1-4)

RC Celta

O Celta pechou con vitoria o seu primeiro partido do stage en Italia tras impoñerse por 1-4 ao Sassuolo no Stadio Ricci. Un tanto de Iago Aspas na primeira metade e un hat-trick de Hugo González na segunda deron aos celestes un triunfo con sabor a canteira.

A primeira parte foi de dominio celeste. O equipo de Claudio Giráldez tivo o control do balón e o peso do xogo durante moitos minutos, con boa parte do encontro disputado en campo rival. Ese traballo tivo premio no minuto 21 cunha xogada ben construída na que Ferran Jutglà baixou a recibir, descargou para Williot Swedberg e este habilitou a Iago Aspas, que definiu con criterio para facer o 0-1 co que se chegou ao descanso.

Tras a continuación, o inicio foi algo máis irregular para os celestes. O Celta seguía levando a iniciativa, pero con menor control, e un pequeno desaxuste permitiu ao Sassuolo atopar o empate no minuto 56 cun tanto de Bakola Darril. A resposta chegou axiña cos cambios desde o banco, que devolveron frescura ao equipo. E aí apareceu Hugo González, protagonista dunha tarde para o recordo. O valenciano anotou tres goles en apenas catro minutos para sentenciar o partido e elevar o marcador ata o definitivo 1-4. Con este hat-trick, o dianteiro suma xa catro amigables con polo menos un gol e confirma o seu gran momento de forma.

Agora, coa vitoria e as boas sensacións, o Celta centrará a mirada no seu segundo compromiso en terras italianas, que será o vindeiro sábado 8 de agosto ante o Nápoles en Castel di Sangro a partir das 21:00h. Un encontro que se poderá seguir en directo a través de Celta Media.

FICHA TÉCNICA:

1 – Sassuolo: Arijanet Murić (Stefano Turati, min. 65); Filippo Missori (Riccardo Ciervo, min. 65), Tommaso Macchioni, Christian Odenthal, Simone Cinquegrano; Luca Lipani (Patrick Nuamah, min. 84), Nemanja Matić (Darryl Bakola, min. 46); Cristian Volpato (Edoardo Iannoni, min. 79), Vasilije Adžić (Alessandro Di Bitonto, min. 79), Armand Laurienté e Andrea Pinamonti (Kieron Bowie, min. 65).

4 – Celta: Andrei Radu; Marcos Alonso (Anxo Rodríguez, min. 79), Yoel Lago, Javi Rodríguez (Carl Starfelt, min. 46); Sergio Carreira, Aleix Febas (Hugo Burcio, min. 71), Miguel Román, Javi Rueda (Álvaro Núñez, min. 79); Williot Swedberg (Andrés Antañón, min. 71), Iago Aspas (Hugo Álvarez, min. 71) e Ferran Jutglà (Hugo González, min. 46).

Goles: 0-1, min. 21: Iago Aspas; 1-1, min. 56: Darryl Bakola; 1-2, min. 83: Hugo González; 1-3, min. 85: Hugo González; 1-4, min. 87: Hugo González.

Árbitro: Ibrahim Rashed. Amosou cartón vermello a Armand Laurienté (min. 76) por parte do Sassuolo.

 

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Siguiente noticia

Noticias recomendadas