Un gol de Nolito no primeiro tempo deu a vitoria aos celestes. A segunda parte foi ‘de infarto’
Primeiros minutos con achegamentos á área por parte de ambos os equipos pero sen un claro dominador do xogo. Ivanschitz puxo a proba a Yoel moi pronto cun bo lanzamento de falta que o porteiro vigués acertou a despexar. Os celestes explotaban sobre todo o ataque polo flanco esquerdo, pero sen chegar a inquedar a Keylor Navas.
O Levante levaba perigo nas xogadas a balón parado, nas que demostrou ser moi efectivo ao longo de toda a tempada. Pola súa banda o Celta apostaba pola estratexia e a combinación. Así chegou o primeiro gol celeste, no minuto 21. Un intelixente movemento de Orellana tirou da defensa e permitiu a Augusto desmarcarse, recibir o balón e asistir a Nolito na área para que marcase a pracer. Auténtico golazo.
Dous minutos despois os vigueses dispuxeron doutra incrible ocasión. Orellana recibiu o balón na área pequena, a pase de Augusto, pero o seu remate non foi certeiro. Keylor Navas despexou o esférico lonxe dos seus dominios. Eran os mellores minutos do Celta, que sorprenderon a un Levante que de súpeto se mostraba agarrotado. Un balón de Nolito ao poste aumentaba a sensación de dominio céltico.
No último terzo os locais deron sinais de recuperación, pero o Celta mostrábase moi sólido en defensa e evitáballe traballo a Yoel. Os célticos continuaron insistindo na súa intelixente forma de xogar e puideron chegar ao descanso cunha maior renda goleadora. A fortuna e Keylor Navas evitaron que Madinda de cabeza e Charles de tacón anotasen o segundo tanto olívico.
Tras a continuación o Levante saíu ao céspede con enerxías renovadas. O Celta conxurouse en defensa para evitar as arremetidas rivais, cun Yoel en estado de graza. Os vigueses continuaban tendo as súas ocasións, como un remate de Charles que rozou o traveseiro ao dez minutos da segunda metade.
Tamén houbo lugar para a polémica. Pedro López viu a amarela por entender o colexiado que finxira o penalti. Pouco despois o Celta gozou dunha tripla ocasión para anotar e, sen tempo para asimilar o que se estaba vivindo, o Levante contraatacou nunha xogada que acabou en penalti. O Ciutat de València viña arriba, pero Barral, encargado de executar a pena máxima, estrelou o esférico contra a madeira.
Non había tempo para o descanso. No minuto 63 Barral disparou a porta e correu a celebrar o empate, crendo que o balón entrara na portaría. Yoel detivo a pelota ‘in extremis’ sobre a mesma liña de gol. Os de Luís Enrique recompuxéronse medida a segunda parte. Os olívicos recuperaron a súa presenza en territorio levantino e puideron sentenciar o partido con boas xogadas e remates de Augusto, Orellana, Krohn-Dehli…
Paradones de Yoel a saques de falta do Levante, un balón de Nolito á cruceta… e un xenial control e remate de Charles a falta de cinco minutos para o final que Keylor Navas despexou ao anticiparse con moito acerto. O partido, de infarto, finalizou co mozo Santi Mina buscando o tanto da tranquilidade cun tiro cruzado e cos dous equipos extenuados polo malgaste físico. Tres puntos de ouro.
FICHA TÉCNICA
0-Levante UD: Keylor, Casadesús (Babá, min.74), Vyntra, Barral, Rubén, Juanfran (Rodas, min.45), Nikos, Pedro López, Ivanschitz, Diop (Sissoko, min.45) e Simao
1-RC Celta: Yoel, Jonny (Hugo Mallo, min.66), Cabral, Íñigo López, Aurtenetxe, Fontàs, Augusto, Madinda (Krohn-Dehli, min.69), Orellana (Santi Mina, min.85), Nolito e Charles
Goles: Nolito, 0-1 (min.18)
Árbitro: Hernández Hernández, do comité das Palmas. Amonestou a Pedro López, Ivanschitz e Nikos polo Levante; Madinda, Jonny, Cabral, Aurtenetxe e Charles polo RC Celta
Campo: Ciutat de València