javi
Primeiro Equipo

O Celta mantén a súa boa xeira e encadea ante o Rayo seis xornadas puntuando (3-0)

RC Celta

O Celta prolongou o seu idilio con Abanca Balaídos ao impoñerse ao Rayo Vallecano por 3-0 nun partido máis competido do que suxire o marcador. Os de Vallecas aterraban en Vigo como o rival para bater no arranque desta segunda volta da competición e, a pesar da vitoria, o duelo foi de alta esixencia e igualdade.

Durante algúns compases da primeira metade, o conxunto de Íñigo Pérez levou a iniciativa e xerou as ocasións máis claras. Con todo, cando máis sufría o Celta chegou o golpe clave. Hugo Álvarez iniciou unha acción individual no perfil dereito, abrindo o espazo para que Sergio Carreira definise dentro da área e adiantase aos celestes xusto antes do descanso.

O guion repetiuse tras o paso por vestiarios. Os madrileños regresaron ao terreo de xogo envorcados en busca do empate, pero topáronse coa contundencia rival. Unha contra liderada por Bryan Zaragoza acabou en penalti e o propio andaluz transformou a pena máxima para asinar o 2-0, un mazazo do que o Rayo xa non se levantou. A posterior expulsión de Mendy, tras unha fortísima entrada sobre Williot, terminou de romper o encontro.

Con espazos e superioridade numérica, o Celta sentenciou á contra. Javi Rueda puxo o broche co terceiro tanto, culminando unha actuación coral que volveu poñer en valor a solidez dun equipo que fixo de Abanca Balaídos un auténtico fortín neste inicio de 2026. Destacar o debut co primeiro equipo de Hugo Burcio, o mozo canteirán saltaba ao terreo de xogo para disputar a moi bo nivel os que serían os seus primeiros minutos na elite do fútbol español.

Desta maneira, os de Claudio Giráldez asinaron a súa terceira vitoria consecutiva en casa e enlazan a súa sexta xornada puntuando en LaLiga, confirmando o estado de graza no que se atopa o conxunto celeste que, esta mesma semana, regresa á competición europea recibindo o xoves, 22 de xaneiro ás 21:00 horas, ao LOSC Lille en Abanca Balaídos.

FICHA TÉCNICA:

Celta: Radu; Javi Rodríguez (Manu Fernández, min. 71), Carl Starfelt (Hugo Burcio, min. 82), Marcos Alonso; Óscar Mingueza (Javi Rueda, min. 71), Ilaix Moriba, Hugo Sotelo (Miguel Román, min. 63), Sergio Carreira; Bryan Zaragoza, Hugo Álvarez (Williot Swedberg, min. 62) e Pablo Durán.

Rayo Vallecano: Batalla; Pacha Espino (Alemão, min. 61), Lejeune, Mendy, Chavarría; Pedro Díaz, Gumbau (Nteka, min. 61), Isi Palazón (min .78); De Frutos (Trejo, min. 78), Álvaro e Carlos Martín (Vertrouwd, min. 68).

Goles: 1-0, min. 40: Sergio Carreira; 2-0, min. 53: Bryan Zaragoza (p); 3-0, min. 79: Javi Rueda.

Árbitro: Mateo Busquets (Comité balear). Por parte do Celta, foron amosnestados con tarxeta amarela Hugo Álvarez (min. 43), Hugo Sotelo (min. 59), Iago Aspas (min. 65) e Óscar Mingueza (min. 65). Mentres que, de parte do Rayo Vallecano, foi expulsado Mendy por vermella directa no minuto 66. Ademais, viron amarela Gumbau (min. 58) e Carlos Martín (min. 59).

Incidencias: Encontro correspondente á xornada 20 de Laliga EA Sports disputado en Abanca Balaídos ante 20.835 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Siguiente noticia

Noticias recomendadas