cronica
Primeiro Equipo

O Celta non logra soster a vantaxe e cede ante o Alavés (3-4)

RC Celta

O Celta deixou escapar un partido que tiña practicamente controlado ante o Deportivo Alavés, nunha derrota difícil de dixerir pero que non pode embazar o grande nivel e rendemento que o equipo leva demostrando ao longo de toda a tempada.

Os pupilos de Claudio Giráldez saltaron ao terreo de xogo cunha estrutura reconocible e, a pesar da presión alta do rival, rapidamente atoparon vantaxes para atacar os espazos con precisión, sobre todo polo costado dereito. Precisamente aí, emerxía a figura de Ferran Jutglà que resultou determinante nos primeiros 45 minutos.

Deste xeito, o 1-0 chegou tras unha acción ben elaborada desde atrás, con Javi Rodríguez filtrando un pase medido que Jutglà resolveu cun remate cruzado. Aínda non pasaran nin 10 minutos cando nacía o segundo tanto dunha condución profunda do propio Jutglà desde a banda, superando liñas antes de asistir con precisión a Hugo Álvarez. O dominio celeste consolidouse co 3-0, nunha acción individual do dianteiro catalán desde a metade do campo, que combinou velocidade e desequilibrio para impoñerse á defensa e finalizar de novo cun disparo cruzado. Ata ese momento, o Celta tiña controlado o ritmo do partido, con todo, un gol de Toni Martínez ao borde do descanso cambiou a dinámica.

Tras o paso por vestiarios, o conxunto celeste perdeu a continuidade do xogo e a súa solidez en fase defensiva o que aproveitaron os de Quique Sánchez Flores para ir recortando distancias no marcador. O Celta tivo opcións para ampliar diferenzas, incluída unha acción que terminou en gol de Javi Rodríguez pero que foi anulada tras revisión arbitral, unha acción que podería cambiar o devir do partido. Sen esa marxe, o encontro abriuse definitivamente. O Alavés veuse arriba, aproveitou os espazos e conseguiu definitivamente darlle a volta ao luminoso. Pola súa banda, o Celta, malia tentalo no tramo final, non atopou o acerto necesario para evitar o desenlace.

FICHA TÉCNICA:

3 – Celta: Andrei Radu; Javi Rodríguez, Joseph Aidoo (Iago Aspas, min. 82), Carlos Domínguez; Álvaro Núñez (Sergio Carreira, min. 54), Hugo Sotelo,Óscar Mingueza (Fer López, min. 54), Hugo Álvarez; Jones El-Abdellaoui (Javi Rueda, min. 69), Ferran Jutglà e Borja Iglesias (Pablo Durán, min. 69).
4 – Deportivo Alavés: Sivera; Jonny Otto, Tenaglia, Pacheco (Guridi, min. 46), Parada; Ángel Pérez, Blanco, Ibáñez (Rebbach, min. 46), Aleñá (Denis Suárez, min. 46); Toni Martínez (Koski, min. 94) e Lucas Boyé (Ibrahim Diabate, min. 46).
Goles: 1-0, m. 19: Ferran Jutglà. 2-0, m. 27: Hugo Álvarez. 3-0, m. 37: Ferran Jutglà. 3-1, m. 45: Toni Martínez. 3-2, m. 50: Ángel Pérez. 3-3, m. 74: Toni Martínez. 3-4, m. 78: Rebbach.
Árbitro: Sesma Espinosa (comité rioxano). Por parte do Celta, mostrou tarxeta amarela a Javi Rodríguez (min. 45) e a Fer López (min. 64). Por parte do Alavés, foron amoestados Pacheco (min. 21) e Denis Suárez (min. 94).
Incidencias: Encontro correspondente á xornada 29 de LaLiga EA Sports disputado en Abanca Balaídos ante 20.260 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas