Actuación sobresaliente dos celestes e ‘hat-trick’ de Nolito, que foi ovacionado pola bancada (1-3)
O Celta pechou a xira polo Reino Unido cunha gran vitoria ante o rival máis potente da pretempada ata o momento, o Everton FC. Os celestes atafegaron no primeiro tempo cun gran xogo e unha inmensa presión sobre o rival que serviu para anular o temperán gol dos locais. Nolito erixiuse en protagonista cun ‘hat-trick’.
Nada máis arrincar o envite, o cadro vigués volveu deixar claro que aposta por controlar o xogo. No primeiros dez minutos os de Berizzo acumularon varias oportunidades que non terminaron en gol por moi pouco. Contra todo prognóstico, o Everton adiantouse no marcador. Na súa primeira chegada á portaría de Sergio, no minuto 10, os ingleses acertaron a marcar. McGeady foi o autor da diana local.
O Celta intensificou o seu ataque e continuou encadeando ocasións para anotar. Orellana e Krohn-Dehli estiveron moi preto de estrear o marcador celeste, pero foi Nolito, no minuto 18, o que puxo as táboas. Golazo do andaluz, que rematou de primeiras a pase de Orellana. O conxunto inglés contemplaba as accións do Celta incapaz de ganduxar ofensivas.
A puntaría de Nolito apareceu de novo no minuto 18. O atacante céltico asinou un gran tanto ao recuperar o esférico, levalo ata a área e envialo ao fondo da rede cunha vaselina chea de clase. O asedio vigués non se detivo e a perseveranza dos de Berizzo volveu atopar premio nas botas de Nolito. No minuto 32 o dianteiro recibiu na lateral da área, acomodou a pelota e materializou a súa ‘hat-trick’. O descanso chegou cun 1-3 no marcador que sería definitivo.
Os primeiros compases da segunda parte tamén tiveron cor celeste. Krohn-Dehli e Larrivey puideron converter o cuarto gol. Transcorridos dez minutos do segundo tempo o Everton comezou a reaccionar. Naismith fallou unha ocasión clara e o canteirán Sergio encargouse de deter os disparos de Barkley, moi activo até o asubío final. O Everton acumulou un bo puñado de ofensivas no tramo final do partido, momento que o adestrador céltico aproveitou para incorporar novos xogadores de refresco ao terreo de xogo.
O marcador xa non se alterou e o encontro chegou ao seu fin co 1-3 no electrónico. Moi boa imaxe do Celta ante un dos rivais máis potentes da Premier League. O xogo dos galegos tamén enganchou á afección local, que aplaudiu cada substitución do equipo céltico, en especial a de Nolito, merecido protagonista do choque.
FICHA TÉCNICA
1-EVERTON FC: Howard, Hibbert, Baines, Distin, Stones, Barry, McCarthy, McGeady, Osman, Barkley e Naismith. Tamén xogaron: Besic, Gibson, Browning, Duffy e Joel
3-RC CELTA: Sergio, Hugo Mallo, Cabral, Fontàs, Planas, Borja Fernández, Álex López, Krohn-Dehli, Orellana, Nolito e Charles. Tamén xogaron: Jonny, Larrivey, Madinda, Sergi Gómez, Goldar, Santi Mina, Jordan, Samu e David Costas
Goles: McGeady, 1-0 (10’); Nolito, 1-1 (18’); Nolito, 1-2 (23’); Nolito, 1-3 (32’)
Árbitro: amonestou a Planas e Larrivey
Campo: Prenton Park