
O Celta atopou o camiño da vitoria e fíxoo por todo o alto. Os goles de Hugo González, Ilaix Moriba e Miguel Román, xunto co dobrete de Pablo Durán, selaron unha contundente goleada ante o Racing de Santander (5-0) para estrear o casilleiro de triunfos do conxunto celeste.
A festa comezou antes de que o balón botase a rodar. Desde as 12:00h, a Xuntanza encheu de música, gastronomía e moito celtismo as inmediacións de Abanca Balaídos. Unha celebración que despois se trasladou ao interior do estadio, onde o equipo puxo o broche perfecto cunha chuvia de goles.
O partido comezou igualado, cun Racing que tivo máis presenza co balón nos primeiros minutos e un Celta que precisou paciencia para atopar espazos. O punto de inflexión chegou pasada a media hora, cando o VAR sinalou penalti por unha man na área e Hugo González transformou a pena máxima. O gol liberou o equipo, que pouco despois volveu atopar premio cunha gran acción individual de Ilaix Moriba para poñer o 2-0 antes do descanso.
Tras o paso polos vestiarios, o Celta mantivo o ritmo e seguiu buscando máis. Miguel Román ampliou a vantaxe no 69 e, co Racing xa á mercé do conxunto celeste, Pablo Durán tomou o relevo goleador. O dianteiro, que entrara ao descanso, asinou un dobrete no tramo final para completar a manita, primeiro tras unha asistencia de Borja Iglesias e despois culminando un rápido contragolpe cun pase de Hugo Álvarez.
Cinco goles despois, Balaídos puido celebrar o que levaba tempo esperando. Rematou a seca, chegou a primeira da tempada e o celtismo marchou para casa cunha vitoria á altura dun día que comezou de festa e rematou aínda mellor. Agora chega o parón de seleccións, con tempo para gozar deste pulo e recuperar forzas antes de volver á competición o 11 de outubro ante o Elche no Martínez Valero na procura do que, seguro, será outra tarde para o recordo.
FICHA TÉCNICA:
5; Celta: Radu; Álvaro Núñez, Yoel Lago, Cáceres; Rueda (Carreira, min.46), Miguel Román (Burcio, min.84), Moriba, Hugo Álvarez; Hugo González (Pablo Durán, min.46), Williot (Javi Galán, min.43) e Jutglá (Borja Iglesias, min.64).
0; Racing: Agirrezabala; Mantilla (Aaron Martin, min.63), Pablo Ramón, Belocian, Salinas; Pablo García (Villalibre, min.63), Iván Martín (Íñigo Sainz-Maza, min.84), Íñigo Vicente, Almeida (Canales, min.63), Iker Luque; e Zabiri (Guliashvili, min75).
Goles: 1-0, min.32: Hugo González (p). 2-0, min.43: Moriba. 3-0, min.68: Miguel Román. 4-0, min.78: Pablo Durán. 5-0, min.93: Pablo Durán.
Árbitro: De Burgos Bengoetxea (comité vasco). Amoestou a Javi Rueda (min.45), Yoel Lago (min.73) por parte do Celta, e a Zabiri (min.57), Pablo Ramón (min.75), Belocian (min.64) e Canales (min.90) por parte do Racing de Santander.
Incidencias: Partido correspondente á sétima xornada de LaLiga EA Sports disputado en Abanca Balaídos ante 19.505 espectadores.