
O Celta e a Lazio alcanzaron un acordo para o traspaso do centrocampista Matías Vecino, que defenderá o escudo celeste ata xuño de 2027. Internacional absoluto con Uruguai, Vecino chega a Vigo tras unha consolidada traxectoria na Serie A.
Cun perfil capaz de actuar tanto de mediocentro como de pivote, Matías destaca pola súa presenza física, a súa capacidade de recuperación e un notable criterio na distribución de balón. A súa incorporación encaixa plenamente no modelo de xogo de Claudio Giráldez, reforzando así o conxunto celeste para afrontar un tramo decisivo da tempada.
Ao longo da súa carreira deportiva, o xogador militou no Empoli FC, a ACF Fiorentina, o Cagliari Calcio, o Inter de Milán e a SS Lazio, acumulando máis de 300 partidos na máxima categoría do fútbol italiano, onde achegou 29 goles e 21 asistencias sendo unha das competicións máis esixentes do panorama europeo.
Formado profesionalmente no Central Español FC, Vecino mostrou o seu potencial nas categorías inferiores da selección uruguaia, sendo un dos nomes propios na histórica clasificación para os Xogos Olímpicos de Londres 2012 por primeira vez para A Celeste desde 1928. Pouco despois, consolidouse como internacional absoluto onde acumulou un total de 69 encontros.
Agora, no Celta, Matías reencontrarase con xogadores cos que xa compartiu vestiario como Marcos Alonso e Andrei Radu, o que seguro lle axudará na súa adaptación tanto ao equipo como á cidade.
O Celta dá a benvida a Matías Vecino confiando en que coa súa experiencia achegará ao equipo xerarquía, físico e calidade ao eixo da medular que serán un valor engadido para reforzar o proxecto deportivo celeste.
Benvido, Matías!