girona
Primeiro Equipo

O Celta remonta en Girona e afiánzase na sexta praza (1-2)

RC Celta

O Celta completou unha semana perfecta cunha vitoria ante o Girona FC en Montilivi, nun encontro que permite aos celestes alcanzar os 40 puntos e consolidarse na sexta praza.

Con catro baixas sensibles e unha aliñación marcada polas rotacións, Claudio Giráldez mantívose fiel á súa identidade apostando por ter o balón, a presión alta e a verticalidade. Durante os primeiros compases, o Celta foi dono do partido, atacando con amplitude e profundidade, con especial incidencia polo carril esquerdo, e xerando ocasións claras que só a actuación Gazzaniga evitou que se transformasen en vantaxe.

Cando os celestes parecían estar a piques de acariñar o gol, foron os cataláns os que se adiantaron no marcador tras un córner prolongado no primeiro pau. Lonxe de descompoñerse, o equipo mantivo o plan, insistiu por fóra e acumulou chegadas que evidenciaban que o empate era cuestión de tempo.

Xa na segunda metade e tras un aviso previo, Ferran Jutglà asinou un dos goles da xornada cun control orientado e un disparo cruzado, seco e preciso, tras un envío medido de Óscar Mingueza desde campo propio. O tanto equilibrou o marcador e converteu o partido no duelo de ti a ti polos tres puntos.

O 1-2 chegou pouco despois, un centro envelenado desde a dereita acabou en propia meta tras un intento de despexe, culminando a remontada e premiando a ambición celeste. Con vantaxe no marcador, o encontro abriuse definitivamente e o Girona axitou o banco en busca do empate. Momento no que emerxeu a figura de Radu baixo paus para soster o resultado final.

Tres puntos que suma o equipo nun escenario sempre complicado e nun partido que destacou novamente o talento Feito na Madroa xa que interviñeron ata 10 xogadores con pasado no Celta Fortuna, entre eles, o que sería o debut en Laliga de Andrés Antañón. Con 40 puntos na clasificación, o Celta céntrase agora en preparar o duelo ante o Real Madrid deste venres, 6 de marzo ás 21:00 horas, en Abanca Balaídos.

FICHA TÉCNICA:

1 – Girona FC: Gazzaniga; Hugo Rincón (Joel Roca, min. 81), Vitor Reis, Blind, Arnau; Witsel (Echeverri, min. 73), Frán Beltrán; Tsygankov, Lemar (Ounahi, min. 64), Bryan Gil (Iván Martín, min. 64); e Vanat (Abel Ruiz, min. 74).

2 – Celta: Andrei Radu; Óscar Mingueza (Javi Rueda, min. 85), Javi Rodríguez, Joseph Aidoo, Carlos Domínguez (Manu Fernández, min. 85), Sergio Carreira; Ilaix Moriba, Miguel Román; Fer López (Jones El-Abdellaoui, min. 73), Hugo Álvarez (Williot Swedberg, min. 59); e Ferran Jutglà (Andrés Antañón, min. 73).

Goles: 1-0, min. 35: Vanat. 1-1, min. 58: Ferran Jutglà. 1-2, min. 70: Vitor Reis en propia porta.

Árbitro: Miguel Ángel Ortiz (comité madrileño). Por parte do Celta, amoestou a Ferran Jutglà e a Williot. Por parte do Girona, viron amarela Echeverri e Arnau.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 26 de LaLiga EA Sports disputado no Estadio de Montilivi ante 11.371 afeccionados.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas