ilaix
Primeiro Equipo

O Celta remonta en Mestalla e iguala a súa mellor campaña como visitante (2-3)

RC Celta

O Celta volveu gañar en Mestalla, nun territorio onde non conseguía sumar os tres puntos en Laliga desde o ano 2016, cunha remontada que lle permite igualar a súa mellor puntuación histórica a domicilio en Primeira División, alén de reforzar a súa posición na táboa e achegarse de forma case definitiva á permanencia.

O encontro partiuse en dúas metades moi diferenciadas. Na primeira, o equipo de Claudio Giráldez asumiu o control do balón, pero sen profundidade nin capacidade para xerar ocasións claras. A posesión foi alta aínda que sen cambios de ritmo nin solucións no último terzo. O Celta chegaba, pero non ameazaba. En cambio, o Valencia lograba xerar perigo e sacou rendemento aos dez minutos do inicio. Unha acción a balón parado permitiu a Guido Rodríguez adiantar aos locais que conseguiron manter a súa vantaxe ata o descanso.

O paso por vestiarios cambiou o guion. Claudio Giráldez moveu o banco, con tres cambios de golpe, dando entrada a Fer López, Williot Swedberg e a Jones El-Abdellaoui. O equipo reordenouse nun 4-3-3 que transformou por completo o comportamento que demostraran ata o momento. O Celta gañou amplitude, acelerou a circulación e empezou a atopar espazos onde antes non os había. Con Fer López como referencia na creación, o equipo deixou de ser previsible e comezou a xerar vantaxes.

O empate chegou tras unha acción que se resistía dentro da área pero na que Ilaix Moriba cazaba o rexeite para igualar o luminoso. Apenas uns minutos despois, o propio Fer López culminou unha xogada colectiva cun remate zurdo que foi directo ao escuadro para asinar a remontada.

O partido entrou entón nun escenario máis aberto. O Valencia reactivábase e Carlos Corberán movía o banco con catro cambios dunha, asumindo riscos e deixando espazos que o Celta soubo interpretar xa que, nunha acción pola banda, Williot Swedberg lograba ampliar a vantaxe anotando un gol nun estadio co que garda unha conexión moi especial.

No tramo final, aos pupilos de Claudio Giráldez tocoulles xestionar a súa superioridade no marcador. O Valencia acumulou chegadas e xerou situacións de perigo, especialmente en accións directas. Xa no tempo engadido, Guido Rodríguez recortou distancias cun disparo desde a frontal que obrigou aos celestes a soster o resultado ata o último segundo.

Deste xeito, o Celta lograba unha remontada nun estadio especialmente complicado no que non alcanzaban a vitoria desde hai 10 anos. Un importante xute de enerxía co que agora afrontarán o partido de ida dos cuartos de final da Europa League ante o Friburgo este xoves, 9 de abril ás 21:00h., no Europa Park Stadion.

FICHA TÉCNICA:

2 – Valencia CF: Dimitrievski; Núñez (Ugrinic, min. 63), Tárrega, Cömert, Gayà (Danjuma, min. 78); Rioja, Guido Rodríguez, Javi Guerra (Beltrán, min. 64), Ramazani; André Almeida (Thierry, min. 63) e Hugo Duro (Sadiq, min. 63).

3 – Celta: Andrei Radu; Javi Rodríguez (Jones El-Abdellaoui, min. 46), Joseph Aidoo, Marcos Alonso; Sergio Carreira, Ilaix Moriba, Hugo Sotelo, Óscar Mingueza (Yoel Lago, min. 89); Ferran Jutglà (Borja Iglesias, min. 71), Hugo Álvarez (Williot Swedberg, min. 46) e Pablo Durán (Fer López, min. 46).

Goles: 1-0, min. 11: Guido. 1-1, min. 55: Ilaix Moriba. 1-2, min. 59: Fer López. 1-3, min. 80: Williot Swedberg. 2-3, min. 93: Guido.

Árbitro: Iosu Galech (Comité Navarro). Por parte do Celta amoestou con amarela a Javi Rodríguez, Marcos Alonso e a Hugo Sotelo. Mentres que, por parte do Valencia, foi amoestado Guido.

Incidencias: Partido correspondente á xornada 30 de Laliga EA Sports disputada no estadio de Mestalla ante 43.764 espectadores. Nos prolegómenos do encontro, o xogador José Luis Gayà recibiu de mans de Enrique Saura unha camiseta conmemorativa por alcanzar o seu partido número 400 co Valencia CF.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas