
O Celta logrou unha victoria de mérito ante o Lille OSC en Abanca Balaídos, nun partido marcado por un gol temperán e a capacidade de resistir con un xogador menos. Un triunfo que permite aos celestes asegurar de forma matemática o pase á seguinte rolda eliminatoria da UEFA Europa League.
Se se puidese asinar un inicio de partido, sería este. Apenas empezara a rodar o balón, un erro da defensa francesa permitiu a Borja Iglesias iniciar unha xogada perigosa, que pasou pola pausa de Iago Aspas e rematou no fondo da rede tras un axustado disparo raso de Williot Swedberg. Foi unha declaración de intencións: presión alta, ritmo intenso e un Lille incómodo, superado e sen resposta. A lesión temperá de Nabil Bentaleb acentuou o dominio celeste, aínda que o partido cambiou no minuto 29 coa expulsión directa de Hugo Sotelo. Con un menos, o Celta pechou filas e o Lille asumiu a posesión, pero estrelouse contra un bloque ordenado e unha defensa sólida baixo os mandos de Radu, sempre atento para manter a vantaxe antes do descanso.
A segunda parte confirmou o carácter do equipo celeste ante un Lille que seguía levando a iniciativa, pero que non atopou camiños claros cara ao gol. O Celta resistiu con disciplina, agardando o seu momento. Chegou no minuto 69. Un saque de esquina de Miguel Román atopou a cabeza de Carl Starfelt, que se elevou por riba de todos para golpear o balón con autoridade e asinar o 2-0. Un gol que chegou como un sopro de aire fresco no medio do asedio, un alivio profundo para un Celta que levaba moitos minutos defendendo nas profundidades do seu propio campo. O Lille intentou reaccionar, pero só conseguiu recurtar distancias no último suspiro, cando Olivier Giroud finalizou dentro da área tras asistencia de Soriba Diaoune.
Os últimos minutos esixiron un esforzo colectivo baseado en centros, córners e balóns colgados que o Celta defendeu con determinación ata o pitido final.
Doce puntos, clasificación asegurada e outra noite europea para o recordo do celtismo. Agora, cos deberes feitos, os pupilos de Claudio Giráldez poñen a vista no seu último encontro en Belgrado, coa tranquilidade do traballo ben feito e a ambición intacta de seguir medrando en Europa.
FICHA TÉCNICA:
2 – Celta: Radu, Javi Rueda (Mihailo Ristic, min. 92), Javi Rodríguez, Carl Starfelt, Marcos Alonso, Óscar Mingueza (Hugo Álvarez, min. 89), Hugo Sotelo, Miguel Román, Iago Aspas (Sergio Carreira, min. 46), Borja Iglesias (Pablo Durán, min. 46) e Williot Swedberg (Jones El-Abdellaoui, min. 71).
1 – Lille OSC: Özer, Meunier (Fernández-Pardo, min. 46), Ngoy (Santos, min. 46), Alexsandro, Perraud, Broholm (Verdonk, min. 87), Mukau, Bentaleb (Mandi, min. 10), Correia (Diaoune, min. 74), Haraldsson e Giroud.
Goles: 1-0: min. 1, Swedberg. 2-0: min. 69, Starfelt. 2-1: min. 86, Giroud.
Árbitro: Harm Osmers (Alemania). Amonestou a Marcos Alonso, Ngoy, Óscar Mingueza, Mandi, Williot Swedberg e Radu. Expulsou a Hugo Sotelo por roja directa no minuto 29.
Incidencias: Partido correspondente á Xornada 7 da UEFA Europa League disputado en Abanca Balaídos ante 20.015 espectadores.