20251211_PartidoAdri_CELTAvsBOLOGNA_BryanZaragoza, Equipo, MihailoRistic-2
Novas primeiro equipo

O Celta sofre a súa primeira derrota europea en casa ante o Bolonia (1-2)

RC Celta

O Celta viviu unha sexta xornada da fase de grupos complicada na que, por primeira vez en Abanca Balaídos esta tempada na Europa League, acabou caendo 1-2 fronte ao Bolonia. Os celestes adiantáronse grazas a Bryan Zaragoza, pero un gran conxunto italiano acabou imponéndose cun dobrete de Federico Bernardeschi, que deu a volta ao marcador na segunda metade e deixou o Celta coas mans baleiras.

O partido comezou cun Celta decidido a prolongar o seu bo momento europeo en Balaídos, pero pronto se topou cun Bolonia que tomou as rendas e empezou a xerar perigo desde os primeiros compases. Aínda así, foron os celestes os que abriron o marcador despois dunha brillante acción pola banda de Williot Swedberg, que conduciu con determinación e serviu un balón medido para que Bryan Zaragoza, no minuto 17, desatase a alegría na grada. O gol non freou o empuxe do conxunto italiano, que seguiu acumulando chegadas e obrigou a Radu a firmar unha intervención decisiva para manter a vantaxe. A primeira metade avanzou entre a chuvia e o ritmo marcado polo rival, pero o Celta soubo resistir con orde e marchouse ao descanso por diante no marcador.

Tras a volta dos vestiarios, o guion non cambiou. Aínda que o Celta tentou replegarse mellor sobre o céspede, o Bolonia continuou levando a iniciativa e, tras varias ocasións fallidas e accións revisadas por VAR, chegou o empate desde o punto de penalti transformado por Bernardeschi. Máis adiante, unha perda en zona de creación permitiu de novo ao veterano atacante italiano atopar o camiño cara á portería de Radu e, cunha definición sutil, asinou a remontada boloñesa que acabou sendo definitiva.

Tras este 1-2, o Celta prepárase agora para volver centrarse na LaLiga, onde o domingo recibirá ao Athletic Club en Abanca Balaídos coa intención de estrearse sumando de tres en casa. En canto á Europa League, os vigueses retomarán a competición continental xa en 2026, coa ilusión intacta de loitar por entrar entre os mellores do seu grupo.

FICHA TÉCNICA:

1 – Celta: Radu; Javi Rodríguez, Carl Starfelt, Mihailo Ristic; Sergio Carreira, Ilaix Moriba, Beltrán (Miguel Román, min.79), Óscar Mingueza (Javi Rueda, min.66); Bryan Zaragoza (Hugo Álvarez, min.46), Williot Swedberg (Iago Aspas, min.68) e Borja Iglesias (Jutglá, min.68).

2 – Bolonia: Ravaglia; Holm, Heggem, Lykogiannis, Miranda; Moro (Odgaard, min.88), Pobega (Ferguson, min.88); Rowe (Cambiaghi, min.68), Fabbian, Bernardeschi (Dallinga, min.81); Castro (Orsolini, min.81).

Goles: 1-0, min.17: Bryan Zaragoza; 1-1, min.66 Bernardeschi, de penalti; 1-2, min.7: Bernardeschi.

Árbitro: Radu Petrescu (Rumanía). Amonestou a Radu (min.87), Javi Rueda (min.90) e Ilaix Moriba (min.95) por parte do Celta, e a Holm (min.83) por parte do Bolonia.

Incidencias: Encontro correspondente á sexta xornada da UEL disputado en Abanca Balaídos ante 20.302 espectadores.

RC Celta

Etiquetas

Novas primeiro equipo Primeiro Equipo

Noticias recomendadas